CENTROS SOCIOCULTURAIS

Obradoiros para formar espectadores de teatro

27/10/2010 A Concellaría de Cultura e Centros Socioculturais continúa cos Obradoiros do Espectador, unha proposta do Grupo Chévere, compañía residente da Sala Nasa, e da Rede Municipal de Centros Socioculturais, que xa obtivo na anterior semana un notable éxito de participación arredor de Citizen (primeira parte). Trátase dun espazo didáctico onde, a través de profesionais, pódese coñecer diferentes propostas de arte escénica e facer unha inmersión en cada unha das obras programadas mensualmente onde o participante ten ocasión de formarse.

Esta actividade está dirixida tanto a espectadores experimentados como a persoas que queiran iniciarse no gusto polo teatro, especialmente a estudantes, profesionais e afeccionados. Haberá debates e coloquios verbo de cada unha das obras, e é unha grande ocasión para entrar en conctacto directo cos propios artistas.

As sesións de "adestramento", de hora e media de duración, funcionan como preparación antes de asistir aos espectáculos e teñen lugar nos centros socioculturais. Están coordinadas por Xesús Ron, director da Sala Nasa e de Chévere, que achegará as claves que facilitarán a comprensión da obra seleccionada, situando o autor e a compañía no seu contexto histórico e estético.

Logo os participantes acudirán á función e ao rematar esta poderán asistir a un coloquio inmediatamente despois de ver a obra, onde participarán tanto os actores coma os asistentes ao obradoiro.

Os/as interesados/as poden inscribirse na Sala Nasa ou en cadanseu centro sociocultural onde teñen lugar até a data na que teña lugar o obradoiro.

Prezo (inclúe as entradas para cada espectáculo)
Público xeral: 8 euros cada obradoiro
Tripulantes da Nasa e participantes nos clubs de teatro ou de lectura: 3 € cada obradoiro

Obradoiro outubro
Luns 18 de outubro, ás 20:00 h: sesión de adestramento en CSC O Ensanche
Venres 22 de outubro ás 21:30h: función e faladoiro Citizen (primeira parte), de Chévere, na Sala Nasa

Obradoiro novembro
Xoves 4 de novembro, ás 20:00 h: sesión de adestramento en CSC de Fontiñas
Sábado 6 de novembro ás 21:30h: función e faladoiro sobre Tres, de Pisando Ovos, na Sala Nasa

Obradoiro decembro
Luns 29 de novembro, ás 20:00 h: sesión de adestramento en CSC O Ensanche
Venres 3 de decembro ás 21.30 h: función e faladoiro sobre Citizen (segunda parte), de Chévere, na Sala Nasa.

Compartir: