EMPREGO

Máis de 400 persoas participaron nos cursos desenvolvidos por Promoción Económica e Emprego no que vai de ano

27/10/2010 443 persoas beneficiáronse ou estanse beneficiando das 18 accións formativas gratuítas desenvolvidas pola Concellaría de Promoción Económica, Emprego, Comercio e Turismo no que vai de ano. Son en total seis obradoiros e doce cursos (dos que se están impartindo cinco), que suman en total 5.255 horas lectivas. A maioría están destinados a persoas desempregadas, pero tamén se programaron cursos para persoas ocupadas e para emprendedoras/es.

A través destas accións formativas, Promoción Económica ten como obxectivo aumentar a capacitación profesional das persoas beneficiarias, mediante a mellora das súas habilidades ou a adquisición de novos coñecementos, ampliando así as súas expectativas de inserción laboral, e incrementando a calidade dos recursos humanos dos que dispoñen as empresas e, polo tanto, a competitividade das mesmas.

Neste momento estanse impartindo cinco cursos. O primeiro, a piques de rematar, é Como elaborar un plan de empresa para solicitar un microcrédito, no que participan 15 persoas e do que xa se impartiu outra edición en febreiro, na que se formaron outros/as 15 emprendedores/as. O segundo é Curso experimental sobre técnicas e estratexias de innovación aplicables ao entorno das PEMES galegas, cofinanciado pola Consellería de Traballo e Benestar. Participan 15 persoas e remata o 18 de novembro. Conta con 60 horas lectivas e impártese a través da modalidade de teleformación sincrónica, que permite ao alumnado estar conectado a internet ao mesmo tempo que os/as docentes.

Os outros tres cursos que se están desenvolvendo pertencen ao programa Formación para o Emprego, cofinanciado pola Consellería de Traballo. Contan con 45 prazas, quince por especialidade. Son Electricista de edificios (900 horas lectivas), Fontanaría (790 horas lectivas) e Instalador de gas (785 horas lectivas). Están destinados a persoas desempregadas e escolléronse en función da demanda do mercado laboral. Os cursos, que comezaron en xuño e está previsto que rematen en novembro, impártense no Centro de Formación Ocupacional de Sanxuás de Aríns, avalado co Certificado de Calidade UNE-EN-ISO 9001 pola European Quality Assuranse (EQA).

A estes cursos cómpre sumarlle dúas edicións de Busca de emprego a través de internet, que suman outras 16 horas lectivas, impartidas a través do Servizo Local de Emprego, nas que participaron 40 persoas; e as catro especialidades desenvolvidas no marco da segunda quenda do programa de inserción laboral Persoa IV, cofinanciado polo Fondo Social Europeo. A etapa de formación deste proxecto rematou en xullo, e agora están na fase de acompañamento á inserción. 60 persoas desempregadas recibiron formación en Atención temperá e estimulación precoz (650 horas), Auxiliar de axuda a domicilio. Atención sociosanitaria a persoas no domicilio (680 horas), Xestión e desenvolvemento de servizos e empresas de axuda a domicilio (650 horas) e Especialista en asistencia persoal (660 horas). Enmarcado no Pacto Local polo Emprego de Santiago de Compostela, o Proxecto Persoa IV focaliza a atención nos servizos persoais a coidadores de persoas maiores, de persoas enfermas e discapacitadas, e de nenos/as. Ademais de traballar a inserción laboral, incide na cobertura de servizos sociais fundamentais. Promovendo este tipo de políticas, cóbrese unha demanda social, e avánzase, ao mesmo tempo, cara unha sociedade do benestar.

Obradoiros
No que vai de ano, a Concellaría de Promoción Económica impartiu seis obradoiros. Dous deles desenvolvéronse durante a I Feira do Emprego de Santiago de Compostela, organizada pola Concellaría de Promoción Económica e Emprego en colaboración coas entidades asinantes do Pacto Local polo Emprego. Cofinanciada polo Fondo Social Europeo, celebrouse o 7 e 8 de outubro no edificio Cersia, e asistiron 3.202 persoas. Foron dous obradoiros sobre coaching laboral de catro horas de duración cada un: Unha persoa non sabe do que é capaz ata que o intenta, celebrado no Salón de Actos e ao que asistiron 198 persoas; e Dá os teus primeiros pasos con fe: non é necesario que vexas toda a escaleira, só dá o primeiro paso, no que participaron outras 30 persoas.

No marco do Pacto Local polo Emprego tamén se desenvolveron dúas edicións do obradoiro de formación Competencias transversais clave nos programas de formación e emprego. Métodos e ferramentas para o desenvolvemento das competencias para a empregabilidade. Cunha duración de catro horas por edición, impartíronse en xuño, en colaboración con REDEL, a Rede de Entidades para o Desenvolvemento Local, co obxectivo de preparar a 30 formadores, e dotalos de ferramentas para o desenvolvemento de competencias clave relacionadas coa empregabilidade.

En xuño tamén se desenvolveron dúas edicións do Obradoiro de expresión artística para coidadores familiares, enmarcado no programa Cosefamie (Competencias ao Servizo da Familia e do Emprego), pertencente ao programa europeo Leonardo da Vinci. Contou con 30 prazas, 15 por edición, e cunha duración de 8 horas, catro por edición. Tivo por obxectivo formar ao colectivo de coidadores familiares en técnicas de artes plásticas que puidesen utilizar coas persoas ás que coidan.

Compartir: