ALCALDÍA

O Concello habilitará estacionamento para 2.000 autobuses e 10.000 vehículos privados

27/10/2010 A Casa do Concello acolleu unha nova reunión de coordinación operativa en materia de seguridade con motivo da visita do Papa Benedicto XVI a Santiago. Tras a mesma o alcalde compostelán, Xosé A. Sánchez Bugallo, anunciou que a cidade contará o 6 de novembro con estacionamento para 2.000 autobuses e 10.000 vehículos privados.

Sánchez Bugallo reiterou a recomendación aos que se acheguen a Santiago de que utilicen a ser posible o transporte colectivo, público ou organizado. Así, habilitarase aparcamento para uns 2.000 autobuses. En calquera caso, habilitarase estacionamento para máis de 10.000 prazas en tres puntos da cidade: Campus Sur, Santiago Sur e polígono do Tambre. Todos estes puntos estarán conectados coa cidade a través de liñas específicas de transporte.

O transporte público de Santiago tamén funcionará a pleno rendemento nesta xornada. Incluso apuntou o alcalde a posibilidade de habilitar servizos específicos para algunha parroquia que o puidera solicitar. Con esta dispoñibilidade de prazas e co reforzo dos servizos de tren tamén previstos para o 6 de novembro, garantiu unha comodidade "razoable" dende o punto de vista dos accesos para os que se acheguen ese día.

Volvendo aos servizos de RENFE, o delegado do Goberno en Galicia, Antón Louro, indicou que se reforzarán dende primeira hora da xornada os trens entre Coruña, Santiago e Vigo. Ademais, haberá un tren especial a primeira hora dende Ourense, que chegará á cidade en torno ás nove da mañá. A previsión de RENFE é mobilizar nesta xornada a través do tren unhas 11.000 persoas.

Sobre outro aspecto, o do aloxamento, o alcalde tamén anticipou que se habilitarán os polideportivos de Santa Isabel e Lorenzo de la Torre, non descartando algún outro se existise demanda.

Máis de 6.000 efectivos de seguridade
A propósito do dispositivo de seguridade, Louro recordou que serán máis de 6.000 os efectivos que se encargarán de velar pola seguridade e a mobilidade do Papa e das máis de 200.000 persoas que estarán o 6 de novembro en Compostela, segundo as previsións da Igrexa. "A día de hoxe, o dispositivo está plenamente deseñado e boa parte del xa en funcionamento", indicou, anunciando que o centro de coordinación estará situado na Comisaría de Santiago. Alí centralizarase toda a información dos axentes, das cámaras de tráfico e de seguridade e do helicóptero que sobrevoará ese día a cidade.

Destacou tamén Louro a "cooperación e colaboración" exemplar entre Concello, Goberno Central, Xunta e Arcebispado para a preparación desta visita, que cualificou como "unha oportunidade de proxección exterior" para Santiago e para Galicia. A esa proxección referiuse tamén o arcebispo compostelán, Julián Barrio. Segundo este, a visita de Benedicto XVI daralle unha "dimensión universal" ao Ano Santo, ao Camiño de Santiago e ao fenómeno xacobeo, que se percibirá nos vindeiros anos. Neste sentido, recordou a excepcionalidade de que o Papa visite Santiago especificamente con motivo do Ano Santo, a primeira vez que así sucede.

O conselleiro de Presidencia, Administracións Pública e Xustiza, Alfonso Rueda, reiterou o traballo de coordinación realizado para que "a visita sexa todo un éxito" e para "darlle todas as facilidades aos que se acheguen a Santiago ese día". Anunciou que nos vindeiros días se irá facilitando aos cidadáns toda a información detallada sobre o operativo disposto, así como o programa de actividades que a Administración autonómica preparou para esta xornada.

Chamamento á hospitalidade
Finalmente, o alcalde compostelán renovou o chamamento aos cidadáns de Santiago para que sexan uns "anfitrións hospitalarios" con todos os que se veñan o 6 de novembro. A estes últimos, garantiulles que "todos os que queiran vir, van poder facelo".

Ademais do alcalde, do delegado do Goberno en Galicia, do conselleiro de Presidencia e do arcebispo, participaron na reunión de coordinación outros representantes da Administración Xeral do Estado, Xunta de Galicia, Concello de Santiago, Arcebispado de Santiago e mandos dos Corpos e Forzas de Seguridade do Estado na Comunidade Autónoma, entre outros.

Compartir: