ALCALDÍA

A nova terminal, operativa en abril

26/10/2010 O alcalde compostelán, Xosé A. Sánchez Bugallo; o ministro de Fomento, José Blanco; e o delegado do Goberno en Galicia, Antón Louro, visitaron as obras da nova terminal de Lavacolla. Puideron constatar o bo ritmo ao que avanzan os traballos, co obxectivo de que o aeroporto estea operativo sobre o mes de abril, segundo anunciou o ministro.

Blanco recordou as boas cifras do actual aeroporto de Lavacolla, cuxo tráfico de viaxeiros medrou un 16% en setembro, e que "está en disposición de alcanzar en 2010 a cifra de dous millóns de euros, algo que só se conseguiu en 2007". Por isto, dixo, "Santiago debe ter unha infraestrutura capaz de maximizar esta capacidade de atracción". A esta esixencia responde a nova terminal, cunha capacidade que duplicará a actual e que cualificou como de "primeiro nivel".

Recordou o investimento de 180 millóns nesta nova infraestrutura, que estará lista en abril, pero tamén a achega do seu Departamento para mellorar a capacidade e funcionalidade do aeroporto compostelán como centro de control. En total, engadiu, o investimento supera os 270 millóns de euros.

Tamén en relación ao aeroporto, recordou as mellora que nas comunicacións do mesmo vai supor a ampliación da AP-9, grazas ás conexións que se crearán coa autovía de Lavacolla e os novos polígonos e con Sigueiro.

Para a primavera tamén anunciou a finalización do túnel do Hórreo, incluída "a avenida en superficie que permitirá acceder á futura estación intermodal". Anticipou que "proximamente" se licitará o concurso do proxecto da estación, "en canto se peche o estudio funcional".

"Santiago é unha das cidades máis lembradas do mundo, e tamén é un obxectivo que sexa lembrado pólo avanzado das súas infraestruturas", concluíu Blanco.

Compartir: