PROMOCIÓN ECONÓMICA

O Concello pon a primeira pedra do Centro de Recursos e Servizos Integrais de Apoio á Empresa

12/01/2006 Tamén se inaugurou un Obradoiro de Emprego de Enerxías Renovables que dará traballo directo a 58 persoas.

O Concello de Santiago conta desde o xoves 12 de xaneiro cun Obradoiro de Emprego de Enerxías Renovables e puxo a primeira pedra do futuro Centro de Recursos e Servizos Integrais de Apoio á Empresa (Cersia), sito en San Lázaro. No acto de inauguración participaron o alcalde de Santiago, Xosé A. Sánchez Bugallo, o conselleiro de Traballo, Ricardo Varela, o presidente da Deputación de A Coruña, Salvador Fernández Moreda, e o concelleiro de Promoción Económica e Emprego de Santiago, Xosé Manuel Iglesias.

O alcalde introduciu nunha arqueta unha placa solar serigrafiada co texto: "No día de hoxe o alcalde de Santiago colocou a primeira pedra do Centro de Recursos e Servizos Integrais de Apoio á Empresa". Tamén introduciu os xornais locais do día en papel e en CD. Pola súa banda, o Conselleiro de Traballo introduciu un CD co proxecto do Obradoiro de Emprego, o presidente da Deputación un xogo de moedas de curso legal e o concelleiro de Promoción Económica e Emprego un CD có proxecto do Cersia.

O Cersia nace para satisfacer unha necesidade de Compostela: a existencia dun centro de referencia que aglutine e coordine os servizos e recursos que presta o Concello ás empresas da cidade, aos investidores foráneos interesados en instalarse en Santiago, aos emprendedores e aos demandantes de emprego.

Trátase dunha iniciativa pioneira en Galicia a nivel local. Ningunha outra cidade galega conta cun espazo de promoción económica, empresarial e laboral destas características. No resto do Estado hai varias iniciativas similares, coma Barcelona Activa, Sevilla Global ou a Axencia Local de Promoción Económica e Emprego.

O Obradoiro de Emprego conta cun orzamento inicial superior aos 1.300.000 euros, aportados pola Xunta de Galicia, a Deputación de A Coruña e o Concello de Santiago. Supón a contratación directa de 58 persoas, 48 alumnos e 10 profesores. O obxectivo e formar aos participantes para lograr a súa posterior inserción no mercado laboral.

No Obradoiro impartiranse tres especialidades demandadas polo mercado laboral compostelán: carpintería, albanelería e instalación de sistemas de enerxías renovables. Os alumnos farán dous tipos de obras: a construcción do Cersia e a instalación de sistemas de enerxía solar térmica e fotovoltaica en equipamentos públicos.

Compartir: