EDUCACIÓN

Alumnos, profesores e familiares verán dende As Cancelas o paso de Benedicto XVI

26/10/2010 Os alumnos, mestres e familiares dos centros escolares de Compostela están convidados a reunirse nas Cancelas para asistir todos xuntos ao paso do Papa Benedicto XVI. Alí, mentres agardan, poderán participar en diversas actividades.

A concelleira de Educación, Mercedes Rosón, presentou estas actividades, ás que se convidou a participar a todos os centros públicos e privados da cidade mediante unha carta. Destacou a importancia relixiosa, turística e cultural desta visita de Benedicto XVI e fixo un chamamento a todos os composteláns e galegos a sentila como súa.

Non está aínda pechado o número de centros e de participantes deste encontro nas Cancelas, pero xa están confirmados máis de 700 alumnos, mestres e familiares dos 12 centros cos que contan en Santiago as Escolas Católicas de Galicia, e outros 200 procedentes da Coruña, Ourense e Vigo, segundo indicou Xosé Francisco Reboiras, en representación das Escolas. Unha vez que o Papa pase por diante das Cancelas, todos os que alí estean serán convidados a seguir o resto dos actos dende a pantalla xigante que se situará no Colexio La Salle.

Os que se despracen ata as Cancelas, tal como apuntou Ana Arias, da Oficina da Vista do Papa, poderán participar en diversas actividades dinamizadoras a partir das 10:45 horas. O paso de Benedicto XVI polas Cancelas está previsto para as 12:30 horas.

Compartir: