ALCALDÍA

O alcalde recibiu a científica Ada Yonath, Nobel de Química en 2009

25/10/2010 O alcalde compostelán, Xosé A. Sánchez Bugallo, recibiu en Raxoi a científica israelita Ada Yonath, Nobel de Química en 2009, que está en Compostela para participar nos actos do Programa ConCiencia, organizado polo Consorcio e a USC.

Despois de compartir uns minutos co alcalde, Ada Yonath dirixiuse á Fundación Caixa Galicia para o acto central da súa visita a Santiago, unha conferencia aberta ao todos os cidadáns titulada O ribosoma: unha máquina de ARN que sobreviviu á presión da evolución, pero está paralizada polos antibióticos. Antes, pola mañá, mantivera un encontro cos medios de comunicación.

Ada Yonath (Xerusalén, 1939) acadou en 2009 o Premio Nobel de Química xunto con Venkatraman Ramakrishnan e Thomas A. Steitz polos seus estudos da estrutura e función do ribosoma. En 108 anos de historia do Premio, o de Química só recaera en tres mulleres: Madame Curie, a súa filla e a británica Dorothy Crowfoot-Hodgkin, esta última en 1964.

O traballo de Ada Yonath versa sobre os procesos que rexen na clave da vida, como é a tradución feita polos ribosomas da información do ADN. Os ribosomas producen proteínas, que controlan a química de todos os seres vivos, e posto que son cruciais para a vida, son tamén un obxectivo clave para os novos antibióticos.

Compartir: