MEDIO AMBIENTE

Medio Ambiente oferta visitas guiadas polos parques e ríos de Compostela

25/10/2010 A Concellaría do Medio Ambiente de Santiago desenvolve por terceiro ano consecutivo o programa de visitas guiadas polos parques e ríos de Compostela, xa iniciado na primavera e que agora continua no outono. A oferta de visitas tense deseñado co obxectivo de pór en valor os espazos naturais de Santiago e están destinadas tanto o alumnado dos centros de ensino como a calquera grupo de persoas interesado nunha visita guiada.

Entre as actividades que se ofertan está a posibilidade de facer visitas guiadas aos parques da Alameda, San Domingos de Bonaval, Belvís, Almáciga, Granell, Pablo Iglesias, Bouza Brei e Ponte Mantible entre outros. Tamén se propón a realización de roteiros guiados polos ríos Sar, Sarela, Corvo, Tambre e Santa Lucia, testemuños da convivencia entre o núcleo urbano e o contorno natural.

Santiago conta cunha gran superficie e unha gran diversidade de zonas verdes, que cumpren unha importante función ambiental tanto no referido á infiltración da auga, como a purificación do aire ou a calidade paisaxística. En palabras de Elvira Cienfuegos, "nos parques de Compostela hai árbores procedentes dos cinco continentes, algúns con flores moi vistosas e outros que inclusive teñen froitos comestibles. Ademais, en moitos deles a auga xoga un papel fundamental e preponderante, como no parque de Galeras, onde o río Corgo se deita no Sarela"

Para a edil, "é moi importante coñecer para valorar, para protexer, para conservar, para apreciar. Velaí o obxectivo destas actividades: podermos coñecer os espazos naturais de Santiago para poder valoralos e ser conscientes da necesidade da súa protección e conservación".

Información e contacto
Os grupos interesados (máximo de 25 persoas ou grupo-aula) deberán solicitar o día da semana no que prefiran facer a visita, en horario de 10:00 a 14:00 horas. Unha vez se confirme o horario e día solicitado acordarase o punto do parque ou río no que comezará e rematará a visita.

Para recibir máis información sobre estas actividades poden poñerse en contacto co Departamento de Medio Ambiente no teléfono 650 125 589. Para solicitar directamente as visitas guiadas deberá cubrir a ficha que se pode descargar en www.compostelaviva.org e enviala ao correo-e medioambiente@santiagodecompostela.gal ou ao fax 981 542 368.

Compartir: