ALCALDÍA

Sánchez Bugallo: "Turgalicia non pode deixar caer o contrato de Ryanair"

22/10/2010 "Sería gravísimo que se perderan estas rutas", indicou o alcalde compostelán, Xosé A. Sánchez Bugallo a propósito do anuncio de Ryanair de suprimir as conexións internacionais que opera dende o aeroporto de Lavacolla. Por isto, indicou que "Turgalicia non pode deixar caer este contrato".

Para Sánchez Bugallo, a eliminación destas rutas tería "gravísimas consecuencias para o turismo galego". Por este motivo, emprazou a Turgalicia a "prorrogar inmediatamente este contrato", pois é este organismo autonómico o que asumiu este convenio a partir de 2010. "Parécenos ben que se fale disto no Comité de Rutas, pero Turgalicia sabe dende o 10 de setembro das intencións de Ryanair", apuntou, reiterando a súa responsabilidade nesta materia.

Con todo, afirmou o alcalde, "a noso obxectivo non é pelexar, senón resolver o problema. Por este motivo, comprometeuse a apoiar as propostas que faga Turgalicia no devandito Comité de Rutas en relación a esta cuestión "sempre e cando se manteñan as liñas".

Cre Sánchez Bugallo que "o problema de Turgalicia é que ten 3 millóns de euros para 2011 e quere aquiescencia de todos no reparto". "E mentres no norte de Portugal se aposta por un aeroporto, aquí estase pendente do qué dirán", engadiu. Sobre este reparto de fondos, indicou que Santiago defenderá a súa proporcionalidade en función do peso turístico.

Nun momento en que as conexións internacionais de baixo custo poden desaparecer de Lavacolla, o alcalde quixo recordar o esforzo feito no seu día polo Concello, a través de Incolsa, asumindo en 2009 a achega económica do convenio con Ryanair para manter estas rutas europeas.

Transporte Metropolitano
Sobre o Plan de Transporte Metropolitano, Sánchez Bugallo indicou que a Dirección Xeral de Transportes da Xunta fixera chegar esta semana ao Concello un engadido ao convenio para a posta en marcha do mesmo. Este documento complementario ten que ver fundamentalmente cun axuste de cantidades na colaboración que se establece entre Xunta e Concello para a renovación da flota. Segundo explicou o alcalde, o director xeral de Transportes "comprometeuse a levar ao Consello da Xunta do xoves 28 tanto o convenio matriz coma o complementario".

Este último será levado á Xunta de Goberno do 26 de outubro ou, de non chegar a tempo a unha posterior mesmo de carácter extraordinario. "Se ese é o problema, convocarei unha Xunta de Goberno extraordinaria, para que non sexa imputable ao Concello ningún retraso, como non o foi nunca nin o será no futuro".

Recordou finalmente que o convenio establece que a Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Infraestruturas asumirá o custo do cambio das máquinas canceladoras electrónica nos autobuses urbanos composteláns, permitindo así a utilización do chamado billete combinado polos usuarios da comarca.

Compartir: