ALCALDÍA

O alcalde cualifica coma "un menosprezo a Santiago" os orzamentos da Xunta

22/10/2010 O alcalde compostelán, Xosé A. Sánchez Bugallo, cualificou os orzamentos da Xunta, recentemente presentados publicamente, coma "os peores orzamentos nos últimos anos" e "un menosprezo a Santiago como capital de Galicia". Recordou que a cidade vai recibir 48,9 millóns de euros, "un 50% menos que hai un ano e un 70% menos que hai dous anos".

Sánchez Bugallo analizou polo miúdo as distintas partidas do orzamento autonómico para Santiago de Compostela, indicando que deses 48 millóns, 26 son para o polígono industrial da Sionlla, infraestrutura que en realidade xa debería estar rematada en 2011. "Quedan pois 22 millóns de euros", dixo, cualificando estas cifras como "temibles", e as dos anticipos de futuros exercicios como anunciadoras dun "futuro peor". Ante isto, "é imposible facer unha valoración positiva destes orzamentos", engadiu.

Pasando a analizar as distintas partidas, cualificou como "tomadura de pelo" e "broma de mal gusto" o que se reflicte nos orzamentos para o metro lixeiro e para a conexión do polígono do Tambre coa estrada de Santa Comba. No primeiro dos casos, lembrou que nos orzamentos de 2010 se incluíra un gasto de 200.000 euros para un estudio previo e unha previsión para 2011 de 2,25 millóns e de 1,5 millóns para 2012.

"O certo é que non nos consta ningún estudio previo nin que se gastaran eses 200.000 euros, e a realidade é que para 2011 se destinan 170.000 euros e a previsión para 2010 é de 800.000 euros," afirmou Sánchez Bugallo. Ante isto, concluíu que "non se vai ni sequera encargar ningún proxecto antes de 2014, cando a lexislatura acaba en 2013".

Tamén lle parece unha "tomadura de pelo" a partida de 50.000 euros para a circunvalación norte, isto é, a conexión do polígono do Tambre coa estrada de Santa Comba. "Cando a previsión era sacar as obras, cuxo custo se estimaba en 9,5 millóns de euros, en 2012 –aclarou- a realidade é que nin sequera teremos proxecto en 2011".

Cidade da Cultura
Sobre os 21,6 millóns para a Cidade da Cultura, "dos que o investimento real é de 10,8 millóns, pois o resto son remanentes", a conclusión do alcalde é igualmente negativa. "En 2011 nin vai haber accesos nin conexión coa AP-9", manifestou, aludindo á partida de 60.000 euros que se destina a esta última, nunha obra "cuxo custo se proxectaba en 2005 en 11,4 millóns de euros". "Non está previsto encargar o proxecto ata 2010 nin acometer a obra ata 2014", anticipou.

"Tampouco hai previsión de retomar as obras dos dous edificios parados durante 2010 e o que si está garantido é que seguirán paralizadas en 2011", subliñou, augurando que "se segue a tendencia destes últimos anos, non sei se a previsión para 2012 dará para pagar a luz".

Plan Director e Consorcio
O alcalde tamén amosou a súa indignación pola ausencia do Plan Director do Complexo Hospitalario Universitario de Santiago nas contas. "¿Onde está o Plan Director do Hospital", preguntouse, porque "onde non está é nos orzamentos". Do mesmo xeito, lamentou que tampouco se contemple a nova Escola de Idiomas.

Finalmente, non quixo entrar a valorar a achega autonómica ao Consorcio de Santiago, xa que "non quero introducir no debate político un ámbito que é de consenso" e porque, dixo, existe o compromiso, manifestado no Consello de Administración da entidade, de que no cómputo de catro anos, se manterá a cantidade asignada á Xunta. Non obstante, recordou que a achega autonómica foi de 6,5 millóns en 2009; 4,5 millóns en 2010; e será de 2,7 millóns de euros en 2011.

Compartir: