PLENO

O Goberno Municipal conxela todos os impostos e prezos públicos e a meirande parte das taxas

22/10/2010 O Pleno da Corporación Municipal aprobou inicialmente a modificación das ordenanzas fiscais, que conforman un dos elementos esenciais a ter en conta na elaboración e plantexamento da política económica no ámbito do Concello, segundo manifestou na sesión extraordinaria a concelleira de Facenda, Rosa Fernández Somoza.

Durante os últimos anos as entidades locais están asumindo de forma crecente novas prestacións en resposta ás demandas dos nosos veciños, sen que en moitos casos as administracións que deberan atender estas demandas proporcionen o apoio económico necesario para elo. O recurso que lle queda as entidades locais, segundo a Concelleira de Facenda, "é o desenvolvemento da potestade tributaria que a lei nos outorga, polo que calquera decisión sobre as ordenanzas, en canto veñen a fixar de maneira máis ou menos precisa, o volume de ingresos propios do Concello vai a condicionar o orzamento de gastos".

No actual momento de crise económica que atravesamos é preciso, máis que nunca, recordar que o pago dun tributo ou dun imposto é necesario para que o Concello dispoña dos recursos financeiros precisos para a realización dos seus obxectivos, para dar cobertura aos gastos sociais así como para financiar o gasto público.

A proposta do Goberno Municipal está dirixida a seguir prestando atención de calidade ás persoas que máis o necesitan e moderar a presión fiscal. Así pois, no ano 2011 o Concello de Santiago seguirá mantendo as bonificacións e exencións no IBI para asociacións, centros docentes, vivendas de protección oficial e familias numerosas. O imposto sobre vehículos de tracción mecánica conservará as exencións previstas para persoas con mobilidade reducida, así como para o transporte público e o de discapacitados. O imposto de construcións, instalacións e obras seguirá bonificando ás vivendas de protección oficial. As asociacións sen ánimo de lucro, os diminuídos físicos, psíquicos e sensoriais terán as exencións previstas na ordenanza reguladora do IAE. Aquelas empresas que inicien a súa actividade e as que creen emprego, manterán as bonificacións que poden chegar ata o 50%. Finalmente os veciños con rendas inferiores ao salario mínimo interprofesional seguirán con exencións no pago das taxas de saneamento, depuración, auga e mantemento de contadores, así como a da recollida e tratamento de residuos sólidos urbanos.

A política fiscal do Concello de Santiago para o ano 2011 concretase en:

1.- Conxelación de todos os impostos:
IBI, vehículos de tracción mecánica, aumentos dos terreos de natureza urbana, construción, instalacións e obras, e o de actividades económicas.

2.- Conxelación das seguintes taxas por:

• Licencias de autotaxi e demais vehículos de aluguer.
• Licencias urbanísticas, apertura de establecementos.
• Extinción de incendios.
• Cemiterio municipal.
• Recollidas e tratamento de residuos urbanos.
• Utilización dos servizos da estación de autobuses.
• Ocupación de terreos de uso publico con mercadorías, materiais de construción, escombros, valos, puntais soportes andamiaxes, grúas, etc,
• Entrada de vehículos a través das beirarrúas e por reserva da vía publica para aparcamento exclusivo.
• Ocupación de terreos de uso publico con mesas e cadeiras.
• Postos e casetas de venda, espectáculos ou atraccións, venda artesanía nas rúas, venda ambulante, e rodaxe cinematográfica, pola apertura de exploracións ou regos en terreos de uso publico e calquera remodelación do pavimento ou beirarrúas da vía publica.
• Pola ocupación do subsolo, solo e salientes sobre a vía publica.
• Pola prestación de servizos especiais de vixilancia de espectáculos ou transportes.
• Prestación de servizos municipais asociados á celebración de matrimonios civís.
• Prestación do servizo de axuda no fogar.

3. Conxelación dos seguintes prezos públicos:

• Correspondentes á venda de libros, impresos e publicacións.
• Pola realización de xornadas, cursos ou similares.
• Pola prestación de servizos e realización de actividades nas instalacións deportivas municipais.
• Polos servizos da escola municipal de musica.

4.- Incremento das seguintes taxas vinculadas aos servizos prestados por empresas privadas cuxa revisión se establece nos propios contratos que se subscribiron no seu día coas ditas empresas e que son:

3.14 Taxa por saneamento e depuración de augas residuais.

3.15 Taxa polo subministro de auga e conservación de contadores.

3.17 Taxa polo estacionamento de vehículos na vía pública.

3.18 Taxa pola retirada e recollida de vehículos de tracción mecánica.

3.07 Taxa pola expedición de documentos administrativos.

Nestes casos o incremento ten a súa orixe no incremento do IPC cuxa referencia ao efecto se establece no 1,8% (período agosto 09 agosto 10), aínda que non ten a mesma incidencia aos efectos dos incremento da taxa, así:

A ordenanza 3.14 e 3.15 relativas ao saneamento e depuración de augas residuais e de subministro de auga e conservación de contadores respectivamente sufrirán unha modificación da cota tributaria que suporá un 1,28626% como consecuencia da aplicación do coeficiente corrector que establece o propio contrato subscrito en execución do acordo plenario de 16 de xuño de 1998 que regula a prestación deste servizo.

As ordenanzas 3.17 e 3.18 relativas ao estacionamento de vehículos de tracción mecánica nas vías públicas e a de retirada de vehículos de tracción mecánica nas vías públicas municipais experimentarán un incremento do 1,8% correspondente ao recoller o prego de cláusulas administrativas particulares dita actualización conforme ao IPC. Neste caso, ao contemplar a propia ordenanza as fraccións de tempo de 5 en 5 céntimos de euro, a repercusión da actualización faise sobre o tempo e non sobre o importe.

Finalmente, modifícase a ordenanza 3.07 pola expedición de documentos administrativos, seguindo a recomendación dos técnicos que consideran que a taxa pola expedición da tarxeta de residentes que ata a actualidade estaba incluída na ordenanza 3.17 debe de estar regulada nesta ordenanza.

O Goberno Municipal, deste xeito, realiza unha actualización moderada das taxas para poder atender as necesidades dos veciños, non crear déficit e garantir os servizos básicos cos mesmos niveis de calidade. Quedan conxelados todos os impostos e prezos públicos e da meirande parte das taxas.

Isto responde á política fiscal do equipo de Goberno baseada na redistribución da carga tributaria, na contención do gasto público e na mellora da eficacia e a eficiencia na xestión do orzamento.

Compartir: