PROMOCIÓN ECONÓMICA

O grupo ANATOLE elaborará unha guía de boas prácticas para facilitar os mercados de proximidade e as economías locais

21/10/2010 As entidades que integran o Proxecto ANATOLE, entre as que figura a Concellaría de Promoción Económica, Emprego, Comercio e Turismo, elaborarán unha guía de boas prácticas co obxectivo de facilitar aos territorios de incidencia do proxecto a posta en marcha de mercados de proximidade, e contribuír así a un maior desenvolvemento das economías locais. Acordouse na reunión celebrada en San Sebastián, á que asistiu o concelleiro Xosé Manuel Iglesias.

Neste encontro, ademais dunha posta en común de distintas experiencias en economía de proximidade, analizáronse as distintas modalidades de puntos de venda de produtos locais; cómo a normativa europea permite a comercialización de produtos tradicionais; a función e tipos de intermediarios nos mercados de proximidade; e as preferencias do consumo actual.

Ademais, os representantes das distintas entidades presentes no encontro tiveron a oportunidade de coñecer as iniciativas postas en marcha por IMK (Itsasmendikoi) en colaboración co Concello de San Sebastián, entre as que destacan unha cooperativa de produtores/as agrarios locais e a súa tenda para a venda ao público final. Na reunión tamén se fixaron as datas do próximo encontro, que terá lugar en Huelva os días 1, 2 e 3 de decembro de 2010.

Entre as conclusións as que chegaron as distintas entidades socias figura que, para un correcto desenvolvemento da economía de proximidade, é necesaria unha maior implicación das distintas administracións públicas, tanto na valorización e promoción destes produtos, como nas distintas normativas e nos procedementos de contratación, nos que cómpre ter en conta a dimensión local.

Proxecto ANATOLE
O proxecto ANATOLE (Atlantic Network’s abilites for tows to organise local economy), desenvólvese baixo o lema Unha aposta pola competitividade e calidade dos nosos mercados para o desenvolvemento da economía de proximidade. Promovido pola Asociación de Cámaras Agrarias do Arco Atlántico, é unha iniciativa traNsnacional para promover o intercambio de experiencias, a aprendizaxe intercultural, a formación e a conformación de redes no ámbito do desenvolvemento de mercados de proximidade para o sector primario. En Galicia, o promotor institucional do proxecto é a concellaría de Promoción Económica e Turismo de Santiago, o operador técnico a asociación ADTERRA, e o territorio de incidencia é o correspondente ao GDR 24 Terras de Compostela, do Programa LEADER.

Financiado polo programa europeo Espazo Atlántico con fondos FEDER (Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional), os obxectivos do proxecto ANATOLe son:

• Promocionar a produción local dos territorios rurais periféricos a Santiago, co fin de favorecer a súa comercialización e consumo nos mercados de proximidade.
• Establecer un modelo innovador na organización da economía de proximidade que favoreza un desenvolvemento urbano-rural sustentable, con capacidade de transferencia e aplicación noutros territorios.
• Crear unha rede europea de intercambio de experiencias e creación de novos modelos de organización para unha economía de proximidade con dimensión atlántica.

No Proxecto ANATOLE participan tres modalidades de socios do espazo atlántico europeo: os socios operadores técnicos, as cidades asociadas, e a CAVV (Conférence des Villes de L'Arc Atlantique). O promotor do proxecto é AC3A de Francia (Asociación de Cámaras de Agricultura do Arco Atlántico francés). Os operadores técnicos son a Deputación de Huelva, IMK (Itsasmendikoi), ADTERRA, IERU, Nantes Metropole, Irish Exporters / Weasthmeath, e Community Development. As cidades asociadas son Huelva, San Sebastián, Santiago de Compostela, Aveiro, Nantes, e Dublín.

Compartir: