EDUCACIÓN

Os nenos e nenas das escolas infantís de Santiago tamén peregrinan este Ano Santo

21/10/2010 A concelleira de Educación, Mercedes Rosón, presentou a peregrinación 4.004 pasiños, que realizarán os nenos e nenas das escolas infantís municipais de Santiago: As Fontiñas, Conxo, San Roque e Tambre. O percorrido farano o venres 22 de outubro, a partir das 10:30 horas. Ao remate, na praza do Obradoiro, serán recibidos polo alcalde, Xosé A. Sánchez Bugallo.

4.004 son os pasos que os nenos e nenas percorrerán dende o patio do colexio La Salle ata a praza do Obradoiro. O obxectivo desta iniciativa é difundir entre os máis pequenos e as súas familias a importancia do Ano Santo e fomentar valores de respecto, solidariedade e convivencia. En palabras da concelleira, "o importante é que os rapaces vaian recoñecendo toda a iconografía xacobea, que forma parte de Compostela e que ten un valor importantísimo que transcende á cidade e forma parte do patrimonio cultural universal".

Ademais, como extensión do Programa Municipal de Educación Viaria e na Autoprotección, promoveranse valores de bo comportamento como peóns e futuros condutores.

Durante unha hora e media aproximadamente, os nenos e nenas das escolas infantís percorrerán a rúa Algalia de Arriba, a praza de Cervantes, Acibechería, praza da Inmaculada, arco do Pazo de Xelmírez e praza do Obradoiro. Aquí realizarase un acto institucional.

Acompañaron a Mercedes Rosón na rolda de prensa as directoras das escolas infantís do Tambre, De esquerda a dereita, Pilar Toimil; de Conxo e Fontiñas, Belén Álvarez; e de San Roque, Dolores Santiso.

Compartir: