CULTURA

"Cores litúrxicas. Obras para órgano de Manuel Cela", novo volume da colección Órganos de Compostela

20/10/2010 A concelleira de Cultura e Centros Socioculturais, Socorro García Conde, presentou o terceiro volume de Órganos de Compostela, titulado Cores litúrxicas. Obras para órgano de Manuel Cela e congratulouse de poder colaborar na posta en valor da "música de calidade vinculada aos órganos da cidade".

Este traballo é unha gravación de obras inéditas de Manuel Cela, interpretadas por el mesmo e por Joaquín Barreira no órgano da Catedral de Santiago de Compostela. Na rolda de prensa tamén estivo presente Francisco Luengo, presidente da Asociación para a Promoción da Música ACTUS; Manuel Cela, organista da Catedral; e Pablo Barreiro, da Radio Galega.

Esta serie de discos forman parte dun proxecto para realizar rexistros sonoros de todos os órganos históricos da cidade. Logo do primeiro Os peregrinos invisíbeis (órgano da igrexa da Universidade) e do segundo O esplendor das ánimas (órgano da igrexa das Ánimas), ambos os dous interpretados por Bruno Forst, esta gravación consta de oito pezas inéditas compostas polo organista da Catedral, Manuel Cela, e que só foran interpretadas ata o momento nas liturxias diarias. Os dous intérpretes son o propio Cela e Joaquín Barreira, o outro organista da sede catedralicia. Non hai que esquecer, como apuntou Cela, que este órgano é un dos máis importantes da Península, dada a súa "extraordinaria sonoridade".

Este volume é o terceiro das sete gravacións dos órganos emblemáticos de Santiago que ten en proxecto a Asociación para a Promoción da Música ACTUS. Os próximos obxectivos a rexistrar, segundo as palabras do seu presidente, Francisco Luengo, son os órganos de San Paio, do convento das Clarisas, Belvís e San Miguel. Esta iniciativa, que está patrocinada pola Concellaría de Cultura, pretende recuperar e poñer en valor unha parte do patrimonio da cidade non só material, senón tamén inmaterial.

Ademais da edición en CD, ACTUS tamén permite descargar desde a súa páxina web (www.actus.org.es) a totalidade da gravación coa mesma calidade -é dicir, sen compresión- que o formato CD e de xeito gratuíto.

Compartir: