ALCALDÍA

O Concello colabora con Proxecto Home mediante a achega de 30.000 euros

20/10/2010 O alcalde compostelán, Xosé A. Sánchez Bugallo, e o director da Fundación Monte do Gozo-Proxecto Home Galicia, Ramón Gómez Crespo, asinaron esta mañá no Pazo de Raxoi un convenio de colaboración en virtude do cal a entidade municipal achega á ONG 29.751 euros para o desenvolvemento dos programas da entidade.

O alcalde compostelán, Xosé A. Sánchez Bugallo, referiuse á vontade do Concello de seguir colaborando con Proxecto Home, prolongando unha relación que xa dura moitos anos. Froito desta vontade é a cesión do terreo para construción da que será a nova sede da entidade ou o traballo de colaboración coa Unidade Municipal de Atención a Drogodependentes (UMAD). Ao seu responsable desexoulle "o maior dos éxitos, que será o éxito das persoas atendidas e das súas familias".

Pola súa parte, o director da Fundación Monte do Gozo-Proxecto Home Galicia, Ramón Gómez Crespo, agradeceu a colaboración dun Concello no que sempre atopa "as portas abertas". Falou tamén do traballo da UMAD e da colaboración institucional para lograr "máis eficacia nas respostas terapéuticas", especialmente "nun momento delicado no que a parte máis feble da cadea social é a máis afectada".

En Santiago, Proxecto Home atende a unhas 230 persoas, do total de 550 de toda Galicia, indicou Seoane. Delas, unhas 70 están incluídas no programa de cocaína, unhas 40 no de reinserción e unhas 60 no de acollida. A propósito da atención que o Proxecto presta, indicou que o novo centro contará, entre outros servizos, con 24 prazas residenciais.

Proxecto Home
A Fundación do Proxecto Home proporciona atención integral dos mozos marxinados ou en estado de necesidade e, de maneira particular, dos drogadictos. Para a consecución deste fin, orienta a súa actividade ao logro dos seguintes propósitos: facer nacer no toxicómano a motivación de sentirse implicado no seu proceso; restablecer no mozo, que viviu a experiencia da toxicomanía, a confianza en si mesmo e nos demais, a capacidade de autocontrol, a solidariedade e unha proxección positiva cara o futuro; e o crecemento consciente na súa totalidade, en especial en canto ao destinatario específico do Programa, pero tamén cara o ambiente que lle rodea: familia, amigos, operadores...

Proxecto Home Galicia desenvolve distintos programas e actividades: Programa tradicional (a estrutura terapéutica do modelo tradicional conta con tres fases: acollida en centro de día, comunidade terapéutica e reinserción social); Programa Educativo para Xóvenes e Adolescentes; Programa de Cocaína; Programa de Formación Ocupacional; Programa Formativo – Cultural; e Programa de Prevención Entre todos. O orzamento co que conta para Galicia é de 3.250.000 euros, tal como indicou o director da Fundación.

Compartir: