CIRCULACIÓN VIARIA

Preto de 1.000 nenos participarán na Caravana de Educación Viaria

19/10/2010 O Concello de Santiago e o Instituto de Seguridade Viaria da Fundación Mapfre presentaron a Caravana de Educación Viaria, que estará instalada ata o sábado 23 de outubro a carón do Estadio de San Lázaro.

A Caravana de Educación Viaria é unha iniciativa dirixida a escolares entre 9 e 12 anos. Ten como principal obxectivo fomentar actitudes responsables e cívicas que contribúan a reducir a sinistralidade viaria. Prevese que preto de 1.000 nenos colexios da cidade aprendan durante estes días os principais sinais e normas de tráfico, co fin de que saiban aplicalas na vida real.

A concelleira de Seguridade Cidadá e Circulación Viaria, Marta Álvarez-Santullano, considerou moi importante "colaborar neste tipo de accións para concienciar aos máis pequenos sobre a importancia da prevención e a seguridade viaria". Iniciativas como as que desenvolve a Fundación Mapfre "serven para que moitos escolares aprendan actitudes responsables dunha forma lúdica e divertida, dentro e fóra da aula".

Circuíto e aulas formativas
Esta Caravana de Educación Viaria inclúe un circuíto de karts e varias aulas formativas onde monitores especializados en educación viaria explicarán aos asistentes as normas e conceptos básicos de circulación. Con esta acción, o Instituto de Seguridade Viaria da Fundación Mapfre percorrerá ao longo do ano outras localidades, nas que impartirá formación sobre seguridade viaria a máis de 20.000 alumnos en toda España.

Na presentación desta campaña, celebrada nas propias instalacións da Caravana próximas ao Estadio San Lázaro, participou, ademais de Marta Álvarez-Santullano, o director de MAPFRE en Santiago de Compostela, Juan Lago.

Compartir: