TURISMO

A nova páxina web de Turismo de Santiago sitúa a cidade en Internet coma un destino moderno e innovador

18/10/2010 O concelleiro de Promoción Económica e Turismo, Xosé Manuel Iglesias, presentou o novo servizo web de Turismo de Santiago, www.santiagoturismo.com, coa colaboración da Dirección Xeral de I+D+I da Consellería de Economía e Industria e da Deputación da Coruña. Este novo sitio pretende posicionar a cidade na vangarda do uso das novas tecnoloxías para a promoción turística a través de Internet. A web está integramente en sete idiomas para que a súa difusión sexa o máis global posible: galego, castelán, inglés, francés, italiano, alemán e portugués.

Ata o momento, segundo Iglesias, www.santiagoturismo.com tiña unha media de 90.000 visitas mensuais, unha cifra que considerou importante e que reflicte o atractivo da cidade. Pero amosou a súa confianza en que o novo servizo aumente ese número xa que está claramente orientado ao usuario, xa sexa visitante, profesional ou compostelán, establecendo unha nova forma de comunicación. Por iso non se concibe simplemente como unha páxina web onde se recolle información sobre o destino, senón coma un servizo co cal os usuarios poden interactuar, xerando deste modo un maior grado de fidelización tanto co espazo web como coa propia cidade, que dialoga na rede.

Compostela Experience
O novo servizo web de Turismo de Santiago fai unha clara aposta polo uso das ferramentas 2.0 para a promoción da cidade. Esta estratexia de promoción recóllese baixo a marca Compostela Experience. Esta é a forma na que o usuario vive Santiago de Compostela, un espazo no que se poden compartir as experiencias vividas na cidade a través das principais redes sociais: Twitter, Facebook, Youtube, Flickr…

www.santiagoturismo.com tamén permite que os usuarios fagan comentarios e valoracións respecto de todas as entradas, así como que suban as súas fotografías dos monumentos, museos, Camiño de Santiago, miradoiros, exposicións, concertos… Deste xeito, o espazo de Turismo de Santiago permite establecer un diálogo entre a cidade e os visitantes, e tamén destes entre si, fomentado o intercambio de experiencias, sentimentos, coñecementos respecto de Santiago e aumentando a súa visibilidade na rede.

Estela
Unha das principais novidades do servizo web é a creación de Estela, unha informadora turística virtual 2.0. Trátase dun servizo pioneiro nas páxinas de promoción turística de destinos. Dende agora, Turismo de Santiago prestará o seu servizo de información na rede en tempo real a través de tres canles: por chat, por Skype –o que permitirá que dende calquera lugar do mundo chamen por teléfono de balde para solicitar información da cidade, nun servizo que será atendido en cinco idiomas- e a través de Twitter, coa conta @santiagoturismo.

No que vai de ano, Turismo de Santiago atendeu 200.000 consultas físicas na súa oficina de información turística da rúa do Vilar. Grazas a Estela preténdese ampliar o abano de posibilidades, para que as consultas non se fagan só polas canles tradicionais (fisicamente, teléfono, correo electrónico) senón tamén por novas canles que permiten prestar un servizo de información turística global. O chat e o Skype estarán dispoñibles no horario de apertura da oficina de información e o twitter as 24 horas do día os 365 días do ano.

Navegación horizontal e unificación do xestor
A navegación da web está concibida en dúas direccións complementarias: vertical e horizontal. A vertical, a máis tradicional nas páxinas web, permite ir dende as grandes seccións ata os contidos últimos pasando por subseccións. Por exemplo, dende a Portada pódese entrar na sección "Que ver". Dentro desta sección pódese escoller entre diferentes subseccións, como Monumentos, Museos, Parques e Xardíns… A súa vez, en cada subsección, pódese entrar no contido último. Por exemplo, dentro de Monumentos pódese entrar no Colexio de Fonseca.

A navegación horizontal é un xeito máis innovador que permite aos usuarios facer unha busca da información que lle interesa dun xeito máis libre. As entradas inclúen diferentes e múltiples enlaces a outras entradas de diferentes seccións, pero vinculadas co contido que está mirando. Por exemplo, na entrada do Colexio de Fonseca hai enlaces ás visitas guiadas que poden ser de interese para o usuario, como a visita guiada á cidade histórica ou aos conventos de clausura. Tamén se vincula á Ruta Intramuros, un paseo que percorre os puntos máis destacados do Casco Histórico. Pero ademais indica tamén cales son os hoteis máis próximos, ordenándoos por distancias.

O novo servizo web unifica as diferentes páxinas web que ten Turismo de Santiago baixo un único xestor de contidos. Ademais, permitirá o desenvolvemento de minisites específicos cun deseño integrado e dun xeito sinxelo.

Con esta unificación, a Central de Reservas de Turismo de Santiago dá un paso adiante na comercialización do destino a través da Rede. Neste momento, grazas á unificación e a horizontalidade na navegación, o servizo web permite que un potencial turista poda mirar un monumento que lle interese, coa súa correspondente xeolocalización, a través de Google Maps, Google Earth e Street View. Na mesma entrada verá os hoteis máis próximos. Poderá entón visitalos, xeolocalizalos tamén para comprobar ubicacións, distancias. E poderá comprobar a súa dispoñibilidade e facer nese momento a súa reserva.

Santiago Turismo TV e blogs
Coa nova web nace Santiago Turismo TV, unha canle de televisión por Internet onde se poden atopar o arquivo de vídeos de Turismo de Santiago, dende o promocional da cidade Santiago é grande, pasando por Santiago, ciudad que pesa, que se fixera en colaboración con TVE para a serie Ciudades para el siglo XXI, ata a presenza de Ferrà Adriá no Forum Gastronómico 2010.

Ademais, nacen dous novos blogs dentro do servizo web, pensados para dous públicos diferentes. Por una banda nace un blog para visitantes e composteláns que queiran gozar de Santiago, coa actualidade cultural e de ocio da cidade, con recomendacións, consellos, imaxes… Por outra banda, nace un blog profesional, que actualizará a información máis relevante para o sector turístico da cidade.

Transversabilidade e accesibilidade
Todos os contidos de www.santiagoturismo.com son transversais; é dicir, son susceptibles de recuperar dende calquera plataforma de terceiros. Deste xeito, Turismo de Santiago abre a todos os vinculados co sector turístico da cidade (hoteis, asociacións, programadores culturais, medios de comunicación…) a posibilidade de que teñan na súa propia web ferramentas de Turismo de Santiago, como a súa axenda cultural, sen que o seu visitante teña que saír da súa páxina. Ademais, permite que os usuarios podan subscribirse ás actualizacións de diferentes categorías, como a axenda cultural ou a carteleira.

O novo servizo web emprega tamén as ferramentas máis avanzadas para permitir a accesibilidade aos seus contidos. Ten unha estrutura xerárquica, optimizada para lectores de páxinas con discapacidade visual, ten tamén unha optimización de cores e contrastes para as persoas con problemas de daltonismo, e está dispoñible en todas as plataformas e navegadores de Internet. Ademais, é compatible co "modo lector", unha actualización do navegador Safari, no que o internauta só ve o texto e as imaxes, perfectamente maquetados.

Compartir: