BENESTAR SOCIAL

"Abraza a túa cultura" fomentará a valoración da identidade de orixe do alumnado inmigrante de Compostela

18/10/2010 Abraza a túa cultura é o título da nova campaña que a Concellería de Benestar Social e o Foro da Inmigración veñen de poñer en marcha. O seu obxectivo é fomentar a valoración por parte do alumnado inmigrante de Compostela da súa cultura de orixe a partir da música, os contos e as lendas.

A concelleira de Benestar Social e Igualdade, Mar Martín, presentou esta campaña, que se ven a sumar a o traballo que o Departamento vén realizando nos últimos anos cos alumnos de primaria, secundaria e bacharelato en materia de integración. Así, cómpre recordar campañas como Xunt@s, En cada rostro igualdade, Iguais en igualdade ou Mediador de pares. No curso 2009-2010, case 700 alumnos participaron nas diversas actividades.

A coordinadora destas campañas, Rocío Rodríguez, afirmou ter detectado en rapaces e rapazas inmigrantes "a perda da súa identidade nacional e cultural, non empregando a súa lingua materna ou mesmo disimulando o acento". Fronte a isto xorde Abraza a túa cultura. Trátase de reforzar a identidade étnica do alumnado inmigrante, compartindo as riquezas culturais doutras rexións e favorecendo as relacións do grupo clase nun clima lúdico. Segundo indicou a coordinadora, "preténdese fomentar a valoración da propia cultura entre os inmigrantes, pero tamén que os demais compañeiros valoren as achegas culturais destes".

A actividade, a desenvolver no primeiro cuadrimestre, realizarase a través dunha sesión dunha hora e corenta minutos. Segundo explicou Fernando Figueroa, un dos seus monitores, traballarase con instrumentos de diferentes culturas. "Veremos como viaxan os instrumentos, como se fusiona a música", asimilándoo a "cómo se relacionan as persoas".

Abraza a túa cultura está dirixido a alumnos e alumnas de primaria, secundaria e bacharelato. A primeira das sesións terá lugar o martes 19 de outubro con escolares de ESO do IES Eduardo Pondal. Xa están confirmados outros tres centros e a demanda desta actividade é alta, tal como resaltou Rocío Rodríguez.

Tamén participou na rolda de prensa Miguel Fernández, do Foro da Inmigración, quen resaltou, a importancia deste tipo de campañas para fomentar a integración dos inmigrantes, unha materia na que -incidiu a concelleira de Benestar Social, Mar Martín- "Santiago non presenta grandes problemas". Fernández apuntou que nas aulas compostelás hai uns 400 alumnos e alumnas inmigrantes, segundo os datos do pasado curso.

Compartir: