ALCALDÍA

Cogami premia ao Concello de Santiago polo seu labor en prol da accesibilidade

15/10/2010 A Confederación Galega de Persoas con Discapacidade, Cogami, celebrou o seu vinte aniversario. Unhas 1.000 persoas participaron nun acto, celebrado no Palacio de Congresos e Exposicións, no que se entregaron diversas distincións. Unha delas foi para o Concello de Santiago, polo seu labor en prol da accesibilidade.

O alcalde compostelán, Xosé A. Sánchez Bugallo, recolleu o galardón e agradeceu a súa concesión. Recordou a xa longa relación que manteñen o Concello e Cogami, sendo Santiago a cidade onde a entidade ten levado a cabo algúns dos seus proxectos máis pioneiros.

Amosose disposto a seguir escoitando as demandas e propostas de Cogami e a seguir traballando "no noso gran reto en cuestións de barreiras arquitectónicas: conservar o noso patrimonio intentando ao mesmo tempo que todos poidamos disfrutalo en igualdade de condicións, non sempre é doado nunha cidade como a nosa, que é Patrimonio da Humanidade, e que presenta enormes dificultades cando se trata de facer accesibles moitas partes do casco vello sen alterar substancialmente os ámbitos e as estruturas de carácter histórico ou monumental".

Sánchez Bugallo quixo compartir o premio con Cogami e con outras asociacións que "co seu traballo diario nos poñen o listón cada vez máis alto para motivarnos e converternos nunha cidade digna desta mención que hoxe recibimos, e das que temos recibido con anterioridade como o Premio Reina sofía de Accesibilidade Universal no 2006".

Compartir: