CULTURA

Teatro de La Abadía leva ao Auditorio "Fin de partida", de Samuel Beckett

15/10/2010 A Concellaría de Cultura e Centros Socioculturais ofrece a posibilidade de ver producións de calidade procedentes de distintos lugares dentro do programa Teatro e Danza en Xira. Nesta ocasión programa unha das grandes obras de Samuel Beckett levada ao escenario por Teatro La Abadía, e dirixida por Krystian Lupa, un dos creadores máis lúcidos do noso tempo.

Fin de partida é quizais a obra máis esencial de Beckett, ese mestre do humor na exasperación. "Debemos arrincar tantas gargalladas como sexa posible con esta cousa atroz", dixo Beckett aos actores de Fin de partida. Hamm, o amo, cego, en cadeira de rodas, dá ordes e máis ordes a Clov, o servo, que non se pode sentar nunca. Acompáñanos, metidos nun contedor de lixo, os pais de Hamm, que perderon as súas pernas nun accidente de bicicleta pero que seguen soñando con ser felices. "Nada tan divertido como a desgracia".

Figura clave do teatro polaco e europeo contemporáneo, Krystian Lupa (Premio Europa de Teatro 2009), tras dirixir varios textos de Thomas Bernhard e montaxes sobre figuras como Andy Warhol e Marilyn Monroe, decide abordar por vez primeira un Beckett, cunha compañía española encabezada por José Luis Gómez.

Fin de partida estará no Auditorio de Galicia o sábado 16 e o domingo 17 de outubro ás 21 horas. Por mor da montaxe escénica, o aforo do Auditorio será menor do que é habitual. A montaxe recrea unha habitación de 7 metros de boca, 4 de alto e 12 de fondo, o que resta visibilidade a unha parte importante do patio de butacas. Así, o aforo queda reducido a unhas 450 localidades para cada día.

Fin de partida
Texto: Samuel Beckett Dirección: Krystian Lupa Reparto: José Luis Gómez, Susi Sánchez, Ramón Pons, Lola Cordón Produción: Teatro de La Abadía en coprodución con El Canal Centre d’Arts Escèniques de Salt/Girona, Palacio de Festivales de Cantabria (Santander), Teatro Arriaga (Bilbao) e Teatro Calderón (Valladolid)

Entradas á venda no despacho de billetes do Auditorio de Galicia de 12:00 a 14:00 h e de 17:00 a 21:00 h.
Venda telefónica nos números 981 571 026 e 981 573 979, coa modalidade de pago con tarxeta.
Venda a través de Internet na taquilla virtual de Caixa Galicia
Prezo: 12 €. 50 % de desconto para estudantes, xubilados e carné xove.
Nota: quedan poucas entradas para a función do sábado.

Compartir: