URBANISMO

EMUVISSA, dez anos facendo cidade

15/10/2010 A Empresa Municipal de Vivenda e Solo de Santiago de Compostela (EMUVISSA) cumpre dez anos xestionando solo e vivenda na cidade e sendo o instrumento principal da política municipal deste ámbito. Neste tempo, esta sociedade anónima de capital integramente municipal foi capaz de xestionar 900.000 metros cadrados de solo nos que se construíron máis de 4.500 vivendas de protección pública e 2.000 libres Para celebrar esta data, EMUVISSA preparou unhas xornadas sobre política de vivenda e dous concursos fotográficos, un de debuxo e outro de fotografía.

O alcalde compostelán e presidente de EMUVISSA, Xosé A. Sánchez Bugallo, referiuse a estes dez anos como aqueles nos que "Santiago medrou máis que en ningún período histórico e dunha forma programada". Falou da "actuación decisiva" da empresa municipal para lograr, en colaboración co Instituto Galego de Vivenda e Solo, "desenvolver uns 18 polígonos de vivendas en máis de 2 millóns de metros cadrados de solo, o triple do sumar a Cidade Histórica e o Ensanche". Tampouco se esqueceu do solo industrial desenvolvido.

Afirmou que o de EMUVISSA, con este peso público, é "un modelo único en España". Del, dixo, falan os seus froitos, traducidos en "creación de vivenda protexida, xeración de postos de traballo e crecemento da cidade". Como dato significativo da particular realidade de Santiago, recordou que, nun momento de crise económica e parón construtivo, na cidade mantívose o ritmo de concesión de licencias. De feito, en 2009, Compostela foi a cidade galega onde se iniciou máis vivenda nova.

Sánchez Bugallo falou do xa realizado nestes dez anos, e do "camiño que aínda queda por percorrer". Citou para iso o desenvolvemento en 2011 dos polígonos de Castiñeiriño e San Lázaro e dos polígonos industriais da zona norte. Para 2012 queda o polígono da Pulleira.

Xornadas
Para celebrar este significativo décimo aniversario, os días 15 e 16 de novembro celebraranse no Palacio de Congresos e Exposicións de Galicia as Xornadas "Dez anos de política municipal de vivenda". As mesmas contarán coa presenza de arquitectos, responsables políticos, urbanistas, representantes de cooperativas e promotoras e membros da propia EMUVISSA.

Estas xornadas, apuntou a concelleira de Urbanismo e Vivenda, Mercedes Rosón, "servirán para facer balance do feito e seguir aprendendo". Grazas ás mesmas, "reflexionaremos e colleremos máis forza para seguir traballando neste labor de xerar vivenda pública de calidade e que nos diferenza do resto de cidades galegas e españolas".

Concurso de debuxo
Os nenos e nenas tamén poderán participar na celebración grazas ao I Concurso de Debuxo Infantil A miña rúa, o meu barrio. Está dirixido a escolares de educación primaria dos centros de ensino de Santiago. A temática será o desexo da propia rúa como espazo de relación e xogo respecto ao seu medio inmediato, o barrio.

Os debuxos presentaranse en papel A4, permitíndose calquera técnica pictórica. Entregaranse na sede de EMUVISSA antes do 30 de novembro. Os premios para as distintas categorías inclúen unha consola, un iPod, unha cámara dixital e reloxos. Tamén haberá un premio colectivo de 300 euros mediante un sorteo entre os colexios con maior participación. Os galardóns entregaranse nun acto público o 17 de decembro.

Certame fotográfico
Para os maiores de 16 anos, a empresa organiza o I Concurso de Fotografía Realidades de EMUVISSA. Afeccionados ou profesionais poden participar neste certame, cuxa temática será calquera aspecto (edificios, espazos libres, vías, beirarrúas, mobiliario, etc) das obras finalizadas de EMUVISSA, localizables en www.emuvissa.com.

As obras, cun máximo de tres por participantes, presentaranse en branco e negro ou cor sobre papel. Fíxase un tamaño mínimo de 20 x 30 cm e un máximo de 30 x 45 cm, sobre cartolina ou soporte ríxido de 40 x 55 cm. As fotografías en papel deberán ir acompañadas dun CD cos soportes dixitais nunha resolución superior aos 300 ppp. Non se admitirán fotomontaxes.

Os traballos presentarase na sede de EMUVISSA antes do 30 de novembro. Os premios, de 500, 300 e 200 euros, respectivamente, para os tres primeiros clasificados, entregaranse nun acto público o 15 de decembro.

Compartir: