ALCALDÍA

A ampliación da AP-9 en Santiago incluirá unha nova conexión co periférico

15/10/2010 O alcalde compostelán, Xosé A. Sánchez Bugallo, anunciou que o proxecto de duplicación do tramo urbano da autopista AP-9 incluirá unha nova conexión co periférico, que permitirá enlazar coa autovía de Lavacolla e co polígono industrial da Sionlla. Está previsto que en novembro se aprobe o proxecto definitivo desta obra.

Sánchez Bugallo indicou que esta nova conexión, que se suma ás tres existentes na actualidade, situarase á altura do quilómetro 64. Deste xeito, engadiu, incorpórase en gran medida unha das principais demandas incluídas polo Concello nas súas alegacións. O propio alcalde constatou o cumprimento desta demanda nunha reunión mantida con Demarcación de Estradas e coa Delegación do Goberno. A previsión é que as alegacións poidan estar resoltas en novembro e que neste mesmo mes se aprobe definitivamente o proxecto de ampliación da AP-9.

Sobre outra das infraestruturas de comunicacións da cidade, a nova terminal de Lavacolla, felicitou de novo a AENA e ás empresas contratistas pola boa marcha dos traballos. De feito, anunciou, "a data coa que se traballa agora para o remate xa non é marzo, senón o 15 de febreiro, e mesmo podería adiantarse". Coa perspectiva do tempo, recordou que o Plan Director prevía que as obras da terminal comezaran en decembro de 2011 e rematasen en decembro de 2013.

Preguntado pola futura estación intermodal do AVE, aclarou que a diferenza fundamental co previsto no estudio inicial do Ministerio de Fomento é que agora se propón que a terminal de pasaxeiros se desprace uns 60 metros. "Antes colocábase enriba da actual escalinata, co que tiña a vantaxe de quedar máis céntrica, e detrás situábase a estación de autobuses", explicou. A proposta de agora resulta "un pouco menos céntrica, pero tampouco 60 metros son unha traxedia e non presenta grandes reparos; o que si pediamos e que o acceso se realizara dende o Hórreo, e iso mantense", engadiu.

A única dúbida que afirmou manter é como se resolverá a conexión da estación do AVE coa estación de autobuses. En calquera caso, a propósito do proxecto que se manexa, concluíu que "a nosa prioridade foi sempre que se fixese unha estación coa calidade e dimensión suficiente, e parece que si puidera tela".

Obras na cidade
Se a obra do aeroporto vai a bo ritmo, o mesmo sucede con outras actuacións en marcha na cidade. En particular, o alcalde amosou especial satisfacción pola evolución das obras de Galeras, "que parecía a máis difícil de rematar no prazo do 30 de novembro, pero creo que cumpriremos o obxectivo".

Do resto das obras, dixo, "ou están rematadas ou a pleno rendemento", agás dúas. Unha, a do centro sociocultural de Santa Marta comezará na vindeira semana. A outra, a da cuberta, está pendente dunha decisión definitiva que se tomará previsiblemente nestes días, no sentido de continuar co proxecto no emprazamento que se decida ou de destinar os fondos a outro proxecto. Finalmente, tamén apuntou que na Xunta de Goberno do martes 19 se aprobará o proxecto reformado das obras de San Clemente.

Centros de saúde de Conxo e Galeras
Sánchez Bugallo tamén falou de infraestruturas sanitarias, tras a publicación no Diario Oficial de Galicia do sometemento a información pública do estudio de viabilidade económica e financeira de 19 centros de atención primaria en Galicia, nos que se inclúen os de Galeras e Conxo. Expresou a súa "satisfacción", aínda que "os prazos non sexan os desexados". Así, lembrou que o proxecto de Galeras está feito dende hai dous anos, que o SERGAS xa ten a parcela dende xullo de 2009 e que esta publicación "nin sequera é a licitación". "O Concello ofrece os mellores emprazamentos posibles e nos dous casos son os que o SERGAS considerou óptimos; o que queremos é que se fagan os dous centros canto antes", engadiu.

Apoio á reivindicación dun novo xulgado contencioso-admistrativo
Na súa rolda de prensa semanal, o rexedor municipal tamén prestou o seu "pleno apoio" á reivindicación do Colexio de Avogados de Santiago dun terceiro xulgado contencioso-administraivo. De feito, foi máis alá, e indicou que a cidade precisaría de dúas salas máis.

Recordou que Santiago soporta unha carga nesta materia entre un 30 e un 40% maior que cidades como Coruña ou Vigo. Segundo explicou, en 2009, os catro xulgados do contencioso-administrativo da Coruña atenderon 1.813 casos; os tres de Pontevedra, 1.530 casos; e os 2 de Vigo 1.091 casos. Fronte a isto, os dous de Santiago atenderon 1.941 casos, o que supón 970 casos por cada xulgado. "Mesmo cun xulgado máis, a carga por xulgado sería de 650 casos, polos 453 por xulgado da Coruña", apuntou.

Transporte metropolitano
Tamén preguntado polo transporte metropolitano, o alcalde afirmou que ten o compromiso do director xeral de Transportes, da Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Infraestruturas, de que intentará que o convenio vaia ao Consello da Xunta do xoves 21 de outubro. De non ser así -anunciou ao alcalde- proporá aos demais concellos non esperar máis, asinar con eles ao día seguinte o convenio para a posta en marcha do transporte metropolitano e remitirllo á Xunta de Galicia.

Recordou unha vez máis que o Concello aprobou o convenio o 9 de xullo pasado e que lle foi remitido por rexistro á Xunta o 13 de xullo, sen que o Goberno autonómico o teña aprobado a día de hoxe. Respecto ás máquinas canceladoras, indicou que "a interventora municipal non pode autorizar a súa adquisición antes de que se aprobe o convenio, que é o soporte económico desta adquisición". Concluíu insitindo en que o único obstáculo para a posta en marcha do transporte metropolitano é o da Xunta ao non asinar o devandito convenio e que os principais prexudicados disto están sendo os veciños dos municipios da comarca.

Compartir: