CULTURA

Projects in Movement, do coreógrafo israelí Sharon Fridman, no Teatro Principal

13/10/2010 A Concellaría de Cultura e Centros Socioculturais trae dentro do programa SCQ Danza a compañía de danza contemporánea Projects in Movement, a nova aposta do bailarín e coreógrafo israelí afincado en Madrid Sharon Fridman, que achegará dúas coreografías: Shakuff e Carlos & Me.

Os obxectivos principais do traballo deste grupo son a investigación, a aprendizaxe e o desenvolvemento da linguaxe física e mediante esta procura a creación dun espazo virtual onde o público poida ver, sentir e imaxinar. Para eles a danza é un sistema de comunicación diferente, é un espazo descoñecido que nos ofrece outros xeitos de ser ou de estar.

Nos últimos tres anos, Sharon Fridman (Hadera, Israel, 1980) recibiu distintos premios e apoios, entre eles, premio do público e segundo premio do Certame Coreográfico de Madrid e terceiro premio no Certame Coreográfico de Hannover, pola súa peza Carlos & Me, que se poderá ver o xoves 14 no Principal.

O folclore israelí, a danza contemporánea e o ballet clásico que estudou no Conservatorio Ein Shemer, debuxan o coñecemento dancístico deste novo artista nacido en Israel, e actualmente coordinador artístico da agrupación Mayumana. A súa traxectoria como bailarín comezou en 1999 cando ingresou na prestixiosa compañía Ido Tadmor Dance Company, con sede en Tel Aviv. A Kibbutz Contemporary Dance Company, a compañía de danza Vertigo, e diversos proxectos para o efervescente Suzanne Dellal Center, reputado centro para a creación dancística en Israel, completan a traxectoria interpretativa de Fridman.

O seu labor como coreógrafo comezou no ano 2000, coa formación do grupo Phrasal, e das pezas Covered rede (2000) e Anna (2001). Outras obras coa súa firma son Waiting (2003), The Creation (2004) e Play Boy (2005). Dende 2004 vén desempeñando labores de coreógrafo e coordinador artístico na agrupación Mayumana, así como impartindo clases en diversos centros de danza como o Conservatorio Superior de Danza María de Ávila, onde é profesor invitado.

Compartir: