CULTURA

O Festival Amal ofrece 45 filmes e numerosas actividades paralelas

13/10/2010 A concelleira de Cultura e Centros Socioculturais, Socorro García Conde, participou na presentación do Festival Euro-Árabe de Cinema Amal, xunto co seu director, Ghaleb Jaber Martínez; o xerente do Xacobeo, Ignacio Santos; o director do Consorcio Audiovisual, Anxo Quintanilla; o director de AGADIC, Juan Carlos Fernández Fasero; e unha representante da TVG, Montse Besada. García Conde destacou que Compostela é unha cidade de "encontro, comunicación e diálogo entre diferentes culturas" e o Festival Amal e os seus organizadores, o Grupo Araguaney, son unha boa representación destes valores.

Esta nova edición de Amal celébrase do 23 ao 30 de outubro en varios lugares da cidade, aínda que as proxeccións teñen lugar no Teatro Principal e na nova sede da Fundación Araguaney na rúa do Vilar. Serán 45 filmes de 22 países diferentes, que abordan temas actuais de contido social como a situación palestina, o papel da muller e da infancia no mundo árabe ou a inmigración. Os títulos que compiten a sección oficial inclúen tanto filmes de ficción como documentais, en formato longametraxe e curtametraxe.

Ademais dos filmes presentados a concurso, Amal ofrece un interesante programa de actividades paralelas entre as que podemos encontrar un Ciclo de Cine Infantil dirixido aos máis pequenos; un concurso de curtametraxes enviadas a través de Internet -Amal Express-; ou Amal Informa, unha nova iniciativa destinada a dar a coñecer termos árabes, anécdotas e outras curiosidades que se desenvolverá en varios locais da zona vella de Santiago de Compostela.

Tamén se organizarán outras actividades de carácter educativo e lúdico como os obradoiros de cociña e de danza árabes, a xa tradicional semana gastronómica árabe do Restaurante Caney e o concerto do músico exipcio Fathy Salama, que tamén impartirá unha masterclass dirixida a profesionais do mundo da música.

Segundo Ghaleb Jaber, Amal -que leva xa oito edicións- é o único festival de cinema árabe que queda en Europa. Parte da procura dun entendemento coa cultura árabe, "que tamén forma parte da nosa cultura". A maioría dos filmes son coproducións euro-árabes e todo o acontecido neste certame é reflectido nos medios de comunicación do mundo árabe, tal e como asegura Jaber.

Direccións relacionadas



Compartir: