URBANISMO

EMUVISSA convocará un concurso de alleamento dunha parcela en Pontepedriña e doutras dúas na Muíña

13/10/2010 O consello de administración de EMUVISSA acordou convocar un concurso de alleamento de tres parcelas: unha no polígono de Pontepedriña e dúas no da Muíña. As tres parcelas para o concurso supoñen 7.300 metros cadrados de solo, cunha edificabilidade residencial de 15.463 metros cadrados para 146 vivendas de protección, das cales 84 son de réxime especial, e 1.202 metros cadrados de solo comercial. Estas parcelas sairán a concurso de inmediato. O importe total do concurso é de 4.250.000 euros.

O novo prego de bases, aprobado en marzo deste ano, flexibiliza as condicións de adquisición, especialmente na forma de pago, que é unha compravenda con prezo aprazado con adxudicación provisoria e adxudicación definitiva automática no caso de pagamento do primeiro prazo, todo nun mes dende a notificación da adxudicación. Nese momento procederíase a escriturar a compravenda e transmitiríase a propiedade, se ben sometida a condición resolutoria expresa no caso de falta de pago.

Prolónganse tamén os prazos de pago: un 20% do prezo da parcela deberase abonar no prazo dun mes a contar dende a notificación da adxudicación, un 30% no prazo de seis meses e o 50% restante do prezo da parcela en doce meses. Hai un ano para o pago desde a notificación da adxudicación, coa posibilidade no segundo e terceiro prazo de solicitar a EMUVISSA a prórroga dos prazos establecidos por un tempo máximo de seis meses cada un.

Permuta e convenio
Doutra banda, o consello abordou dúas importantes cuestións patrimoniais: unha permuta co Instituto Galego de Vivenda e Solo xa resolta por este o mes pasado e un convenio patrimonial co Concello.

A permuta co IGVS consiste no cambio de catro vivendas propiedade deste en Pontepereda-Conxo por dúas parcelas propiedade de EMUVISSA no SUNP-12 de Lamas de Abade, polígono en urbanización. A operación faise por un importe de 515.585 euros. O IGVS obtén 1.392 metros cadrados cunha edificabilidade total de 3.875 metros cadrados para 36 vivendas de protección, mentres que EMUVISSA recibe catro vivendas unifamiliares construídas cunha superficie media duns 90 metros cadrados útiles.

A través do convenio patrimonial co Concello, EMUVISSA adquire un 11% da edificabilidade que tiña o Concello na parcela UER1 na Muíña e o Concello recibe as parcelas M4 e M8 en Castro de Abaixo, cunha superficie de 1.120 metros cadrados e unha edificabilidade de 3.810 para VPA. O importe da operación é de 582.314 euros. Trátase do espazo previsto para as vivendas de realoxo dos veciños de San Ignacio de Loyola, no momento no que se proceda á expropiación.

No consello de administración aprobáronse outros temas de trámite como a liquidación do contrato de obras do polígono 1 de Cornes por importe de 2.412.886 euros.

Compartir: