CONSORCIO

O Compostela Organum Festival continúa con novas propostas para o patrimonio

13/10/2010 Tras a boa acollida por parte do público dos concertos do Compostela Organum Festival celebrados no meses de maio e agosto, o festival seguirá a partir do 16 de outubro co ciclo de outono, como unha forma de dinamizar o patrimonio histórico de Compostela.

A cuarta edición do Compostela Organum Festival está organizada polo Consorcio de Santiago, coa coordinación da Asociación Musical Berenguela e o apoio financeiro da S. A. de Xestión do Xacobeo, que decidiu incluílo na súa programación xeral para este Ano Santo. En concreto, serán as igrexas das Ánimas e da Universidade os escenarios dos diferentes concertos. Como novidade, nesta ocasión programouse unha sesión didáctica, dirixida aos centros de ensino, dirixida polo organista Raúl Prieto. Terá lugar o venres 22 de outubro, en dúas sesións, ás 10:30 e ás 12:00 horas.

No que se refire ao programa, o sábado 16 de outubro, o organista Guillermo Díez ofrecerá un concerto formado por unha serie de propostas musicais englobadas baixo o suxestivo epígrafe de Xogar á música. Foron numerosas as súas colaboracións noutros ámbitos, como a música para cine, publicidade en radio e programas de televisión, tratando a organoloxía e realizando faladoiros con algúns médicos sobre as patoloxías dos músicos. Compuxo varias obras, sobre todo de carácter relixioso. Leva mais de vinte anos como organista da Catedral de Burgos e traballa na súa tese doutoral sobre a evolución da escritura musical, paralela á da escritura da linguaxe.

O 23 de outubro, a música de órgano interpretada por Christopher Hainsworth soará acompañada pola trompeta de Nicolás Planchon. Por último, o 30 de outubro a igrexa da Universidade será escenario dun orixinal concerto de órgano acompañado de danza, todo baixo a dirección de Luis Lupiáñez, fundador do grupo Música Doméstica.

Grazas a esta iniciativa cultural prodúcese a revitalización dun instrumento intimamente vinculado ás igrexas coma é o órgano, de forte presenza musical e nos que se unen escultura e pintura con elementos propiamente sonoros, o que fai deles auténticas pezas de arte con entidade propia no conxunto arquitectónico ao que pertencen. Neste sentido, trátase tamén dun proceso de concienciación para facer uso deles tanto na vida litúrxica coma no ensino ou no goce do público. Sen ser alleos a esta concienciación, nos últimos anos levouse a cabo unha importante labor de restauración e recuperación dos órganos da cidade, como os de San Paio, San Miguel ou as Ánimas.

Compartir: