PROMOCIÓN ECONÓMICA

Promoción Económica e Caixa Galicia organizan un curso para formar a persoas emprendedoras

13/10/2010 A Concellaría de Promoción Económica, Emprego, Comercio e Turismo e Caixa Galicia organizan o curso gratuíto Como elaborar un plan de empresa para solicitar un microcrédito. A acción formativa enmárcase no Servizo de Apoio á Empresa.

O curso conta con contidos prácticos relacionados coa creación de empresas e dirixido a persoas cunha idea de negocio ou que estean valorando a posibilidade de iniciar unha actividade de autoemprego e queiran valorar a súa viabilidade.

Ademais da formación, proporcionarase atención personalizada a cada participante para axudarlle a traballar sobre o seu proxecto empresarial ou de autoemprego. Tamén se lles facilitará aos asistentes unha aplicación informática para elaborar o plan de empresa e analizar a viabilidade económica e financeira dos seus proxectos. Este apoio complementarase cunha titoría individual de asesoramento empresarial por alumno ao remate do curso. As persoas que precisen financiamento e finalicen o seu Plan de Empresa con resultado viable, poderán solicitar un microcrédito Caixa Galicia.

Mediante esta acción, ofrécese un apoio integral que combina a formación, asesoramento empresarial, e que ademais facilita o acceso a financiamento en condicións preferentes para aqueles proxectos que sexan viables.

O curso Como elaborar un plan de empresa para solicitar un microcrédito conta con 15 prazas dispoñibles e realizarase nos días 25, 26, e 27 de outubro, en horario de 9:30 a 14:30 horas. O 28 de outubro proporcionaranse titorías individuais de asesoramento a cada participante.

As persoas interesadas poden inscribirse ata o 21 de outubro, a través da páxina web da Concellaría de Promoción Económica, www.maiscompostela.org, ou ben poden cubrir un formulario de solicitude e entregalo en calquera dos rexistros cos que conta o Concello de Santiago. Este formulario pódeno solicitar no mesmo rexistro, nas oficinas de Promoción Económica, ou baixalo da súa páxina web.

Os microcréditos Caixa Galicia están dirixidos a persoas sen acceso ao financiamento bancario por insuficiencia de garantías ou de avais. Pódese solicitar ata un importe máximo de 25.000 euros, cun tipo de xuro do 4% fixo e 5 anos de amortización con 6 meses de carencia opcionais.

Compartir: