BENESTAR SOCIAL

Unha nova guía informa dos recursos do barrio aos veciños das Fontiñas

13/10/2010 O alcalde compostelán, Xosé A. Sánchez Bugallo, presentou a guía As Fontiñas, entidades de servizo á cidadanía aos veciños e veciñas da zona, nun acto celebrado no Centro Sociocultural. A publicación informa da oferta de servizos, recursos e actividades das que dispoñen os habitantes do barrio das Fontiñas e que poden resultar de interese para a súa vida cotiá. Horas antes, a concelleira de Benestar Social e Igualdade, Mar Martín, presentara a publicación aos medios de comunicación.

As Fontiñas, entidades de servizo á cidadanía quere ser unha ponte de comunicación cara as veciñas e veciños das Fontiñas. Responde á liña de actuación na que se vén traballando dende o ano 2000, baseada na coordinación permanente con todas as institucións e entidades sociais da zona. Un grupo de traballo que, co correr do tempo, lonxe de debilitarse, vaise fortalecendo.

Na guía ofrécese información sobre os contidos e a programación dos servizos públicos municipais: Centro Sociocultural da Fontiñas, Escola Infantil Municipal de Fontiñas, Unidade Municipal de Atención ás Familias, Unidade Municipal de Atención a Drogodependentes (UMAD), Unidade Municipal de Servizos Sociais ou Servizos Sociais Municipais (UTS Fontiñas). Tamén teñen cabida na guía outros servizos públicos como o Centro de Saúde das Fontiñas, os centros de ensinanza infantil e primaria Fontiñas e Monte dos Postes e os institutos de secundaria Antón Fraguas e Fontiñas.

Na publicación tamén se recolle a información de todas as entidades de iniciativa social que traballan no barrio, tales como Cruz Vermella, Cáritas Parroquial das Fontiñas, Programa de apoio a familia monoparentais "Abeiro", Fundación Secretariado Xitano, Galicia Acolle, Instituto Galego paro o Terceiro Sector: IGASEX-3, Centro de Día de Atención Integral "Arela" ou Asemblea de Cooperación pola Paz. A todas estas hai que sumar o tecido social (Asociación de veciños "As Fontes". asociacións de nais e pais dos centros educativos, asociacións de pensionistas e xubilados), as entidades culturais e deportivas (asociacións musicais Alfaia e Solfa) e outros enderezos e teléfonos de interese.

Traballo en rede
Esta guía de información pública atende a un barrio coma o das Fontiñas no que o desenvolvemento comunitario establécese como unha acción sistemática e coordinada entre todas as entidades públicas e de iniciativa social que, en resposta ás necesidades da poboación de referencia, trata de organizar o proceso evolutivo do barrio e dos seus veciños e veciñas coa participación dos mesmos. O barrio de Fontiñas é un exemplo de unión de esforzos coa finalidade última da mellora da calidade de vida, da prevención de hábitos non saudables e do desenvolvemento integral das persoas e da súa comunidade.

Sobre este traballo nas Fontiñas, Mar Martín destacou os seus logros en materias como a convivencia ou o absentismo escolar. Así o referendou tamén Gorka de Luis, da Fundación Secretariado Xitano, quen valorou especialmente a "implicación dos profesionais" e a "capacidade para traballar en rede". Ante o éxito da experiencia, a concelleira apuntou que a intención do Concello é trasladala a outros barrios, coma o de Conxo.

Compartir: