EMPREGO

A Feira do Emprego pecha con máis de 3.200 asistentes e 240 entrevistas de traballo

11/10/2010 Un total de 3.202 persoas asistiu á I Feira do Emprego de Santiago de Compostela, organizada pola Concellaría de Promoción Económica, Emprego, Comercio e Turismo e na que colaboran as entidades asinantes do Pacto Local polo Emprego. O número de asistentes triplica polo tanto ao número de persoas inscritas a través da páxina web do evento.

Nos dous días que durou a Feira (celebrada o 7 e 8 de outubro no edificio Cersia), as 73 empresas participantes realizaron 240 entrevistas laborais para cubrir 345 postos de traballo. Ese é o número de entrevistas celebradas no marco da feira durante eses dous días, pero a feira é un proceso dinámico polo que tamén hai que ter en conta as entrevistas realizadas antes desa data e as que se concertaron para realizar nos vindeiros días. Estas entrevistas foron posibles grazas á intensa labor de intermediación laboral desenvolvida polo Servizo Local de Emprego, que cotexou os currículos das persoas inscritas a través de internet cos postos ofertados polas empresas, buscando as candidaturas que máis se axustasen ao perfil requirido e, ao mesmo tempo, mantivo contacto con máis de seiscentas empresas animándoas a participar na feira.

Precisamente, unha das finalidades da I Feira do Emprego de Santiago de Compostela era servir de punto de encontro entre as empresas ofertantes de emprego e as persoas demandantes de postos de traballo. Pero, ademais, as persoas que asistiron tiveron a oportunidade de informarse sobre a realidade do mercado laboral e as oportunidades de traballo que existen no entorno de Compostela; e formarse en distintos aspectos relacionados coa automotivación e a busca de emprego. Ás 12 conferencias, dous obradoiros, dous seminarios e tres presentacións que se desenvolveron no marco da Feira do Emprego, asistiron 1.890 oíntes, 1. 230 o día 7, cando a feira estivo aberta durante toda a xornada, e 660 o día 8, ata o remate, sobre as tres da tarde.

Na actualidade, unha vez rematada a Feira, son 183 os procesos de concertación de emprego que se están a seguir dende a Concellaría froito da Feira. Ademais, outro dato a ter en conta é o resultado da enquisa de valoración que se realizou no marco da Feira e que as empresas asistentes cualificaron con 4.3 sobre 5.

A I Feira do Emprego de Santiago de Compostela está enmarcada no Pacto Local polo Emprego de Santiago de Compostela, promovido pola Concellaría de Promoción Económica e Emprego, e cofinanciada polo Fondo Social Europeo; conta coa colaboración das entidades que o integran: Asociación Área Empresarial do Tambre, Asociación de Empresarios de Hostalería, os sindicatos CCOO e UXT, a USC, a Cámara de Comercio de Santiago de Compostela, e a Asociación Plataforma polo Emprego.

Compartir: