ALCALDÍA

A visita de Benedicto XVI mobilizará o dispositivo de seguridade máis importante realizado nunca en Galicia

08/10/2010 Máis de 6.000 efectivos dos Corpos e Forzas de Seguridade do Estado velarán pola seguridade da Súa Santidade o Papa e dos milleiros de visitantes que estarán en Santiago de Compostela o 6 de novembro. Así se anunciou tras a reunión de coordinación de seguridade celebrada en Raxoi.

Nunha rolda de prensa posterior á xuntanza de seguridade, o alcalde compostelán, Xosé A. Sánchez Bugallo, mostrou o seu convencemento do "éxito" da visita a Santiago de Benedicto XVI, tanto dende o punto de vista espiritual como organizativo. Ademais, reiterou a invitación a todos os composteláns a "participar nestes actos" e ser os "mellores anfitrións" para todos os que cheguen á cidade nesta xornada.

Sánchez Bugallo indicou que esta visita papal será a "máis complexa" das tres realizadas ata agora, porque "a primeira centrouse no aeroporto e a segunda no Monte do Gozo, pero esta implica varios movementos dentro da cidade". Pero ante isto, dixo, "non se escatimaron esforzos", en relación aos medios de seguridade destinados.

Así, anunciou o delegado do Goberno en Galicia, Antón Louro, o operativo de seguridade estará composto por máis de 6.000 efectivos, dos que máis de 4.600 corresponden á Policía Nacional e 1.300 á Garda Civil. A estes hai que engadir as unidade adscrita da Xunta, a Policía Local de Santiago e os voluntarios de Protección Civil. Este é un dispositivo "especial e complexo", afirmou Louro, cualificándoo como "o dispositivo máis importante en materia de seguridade que se ten despregado en Galicia".

Tanto Sánchez Bugallo como Louro salientaron a importancia que esta visita do Papa terá para a proxección exterior de Santiago, Galicia e España. "Será unha oportunidade económica e de proxección internacional", apuntou o segundo. Neste sentido, o alcalde recordou a visita de 1989 e a "extraordinaria imaxe que se proxectou da cidade". Para o éxito da cita do 6 de novembro, expresou tamén a súa confianza en que a climatoloxía axude.

Pola súa parte, o conselleiro de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza, Alfonso Rueda, resaltou que, nesta reunión de coordinación de seguridade, "se constatou que cada Administración está a realizar o seu traballo para que todo saia ben". "Estamos traballando intensamente para que a xente que veña se leve un bo recordo", engadiu, apuntando que o 6 de novembro será "un día histórico para pechar un Xacobeo histórico".

A esta boa sintonía entre as diferentes Administracións referiuse tamén o coordinador xeral da visita do Papa a Santiago, Monseñor Salvador Domato, quen se declarou "contento" e "agradecido" pola colaboración. Ademais, afirmou que, malia o intenso traballo, "estámolo pasando ben globalmente".

Mobilidade
A propósito dalgún aspecto organizativo, o alcalde destacou a importancia de "asegurar a mobilidade" de todos os que estarán no percorrido que realizará Benedicto XVI ese 6 de novembro. Con este obxectivo, o Arcebispado está traballando para coñecer os medios de transporte nos que chegarán os diferentes grupos organizados que veñan nesa xornada.

"Cantos máis datos teñamos a ese respecto, máis fácil será organizar o acceso a través dos distintos medios de transporte, os estacionamentos, as recollidas...", indicou Sánchez Bugallo. A modo de exemplo, garantiu que a cidade poderá dar cabida a 2.400 autobuses. Unha comisión específica vai traballar neste aspecto da mobilidade.

Ademais dos comparecentes na rolda de prensa, na reunión participaron diversos representantes da Administración Xeral do Estado, Xunta de Galicia, Concello de Santiago, Arcebispado de Santiago e mandos dos Corpos e Forzas de Seguridade do Estado na Comunidade Autónoma.

Compartir: