CONSORCIO

O Consorcio inicia os traballos para eliminar humidades no convento do Carme

08/10/2010 O Consorcio de Santiago, no marco das súas políticas de recuperación do patrimonio histórico da cidade, comezou esta os traballos de erradicación de humidades no convento do Carme. O estado no que se atopaba a cuberta da igrexa e dalgunhas partes das dependencias monacais, así como algúns tramos de escaleiras de acceso ao baixo cuberta e campanario, obrigaron a acometer un estudo previo para poñer en marcha as obras necesarias para atallar o problema.

A Oficina Técnica-Taller de Proxectos do Consorcio de Santiago elaborou o proxecto básico e de execución de obras no convento. Estes traballos, que foron encargados á empresa AEDES Obras y Contratas", suporán unha inversión de 156.398 euros e afectarán á cuberta da igrexa, ao acceso ao campanario e ás escaleiras de acceso ao baixo cuberta. O prazo de execución previsto é de seis meses.

A cuberta da igrexa será reposta na súa totalidade, xa que presentaba serios problemas de impermeabilización en diversos puntos, o que provocaba goteiras e filtracións. Colocaranse novas tellas e placas de fibrocemento. Tamén se actuará en varias seccións da cuberta das dependencias monacais situadas en torno ao claustro. A superficie total de tellado que se renovará é de 1.050 metros cadrados.

O acceso ao campanario será remodelado para corrixir as deficiencias que presentaba e que non permitían o seu uso nas condicións necesarias de seguridade. Colocarase unha nova escaleira de madeira e unha trampiña. Tamén se rehabilitará o último da tramo da escaleira principal, que dá acceso ao baixocuberta do mosteiro.

O convento do Carme, edificado fronte ao de Santa Clara, é un edificio barroco, de 1758, que responde á tipoloxía típica dos conventos da Orde das Carmelitas da Reforma de Santa Teresa.

O Consorcio de Santiago xa realizou diferentes traballos de rehabilitación no edificio, nos anos 1998, 2001, 2002 e 2004, por un importe total de 445.000 euros.

Compartir: