ALCALDÍA

Máis de mil de persoas asisten á Feira de Emprego de Compostela

07/10/2010 Un total de 1.175 persoas asistira, ata a unha da tarde, á I Feira do Emprego de Santiago de Compostela, a primeira destas características que se celebra en Galicia, organizada pola concellaría de Promoción Económica, Emprego, Comercio e Turismo. Ao longo da mañá realizáronse 157 entrevistas de traballo, en 12 salas habilitadas ao efecto, e impartíronse cinco conferencias, repartidas no salón de actos e en dúas aulas.

O alcalde compostelán, Xosé A. Sánchez Bugallo, inaugurou a Feira e percorreu os stands das distintas empresas e entidades. Neste paseo acompañárono o concelleiro de Promoción Económica, Emprego, Comercio e Turismo, Xosé Manuel Iglesias; o director xeral de Promoción do Emprego, Andrés Hermida; o director provincial do SEPE, Angel M. Teijeiro Fraga; e representantes das entidades asinantes do Pacto Local polo Emprego: Cámara de Comercio de Santiago de Compostela, USC, Asociación Área Empresarial do Tambre, Asociación de Empresarios de Hostelería de Santiago, Asociación Plataforma polo Emprego, e os sindicatos UXT e CCOO.

A feira, que se celebra no edificio Cersia, en San Lázaro, está dirixida as persoas desempregadas, ás que buscan mellorar as súas expectativas laborais, e ás empresas e entidades que precisen incorporar persoal. No evento, no que en principio había inscritas 947 persoas, participan 73 empresas e entidades que pertencen a distintos sectores de actividade. A maioría encádranse no sector das novas tecnoloxías, son consultoras ou empresas dedicadas á formación. Tamén hai empresas de servizos sociais, de construción e mantemento, comercios, de ocio, hoteis, empresas de limpeza, de transporte e produtoras audiovisuais. A estas empresas súmanse distintas entidades, entre elas Cogami e Fademga, que tamén precisan incorporar persoal. En total ofertan 345 postos de traballo. A maioría deles, 290, pertencen ao sector servizos.

Ademais, a feira do emprego é unha oportunidade para coñecer a realidade do mercado laboral, para informarse sobre as oportunidades de traballo que existen no entorno de Compostela e para formarse en distintos aspectos relacionados coa automotivación e a busca de emprego.

Á conferencia de apertura, Tipos de contrato tras a reforma laboral, impartida por Begoña Costa Camino, economista e socia fundadora de C&B Asociados, asistiron cerca de 200 persoas. Begoña Costa explicou as reformas que se están a producir no mercado laboral, prestando especial atención ás características dos novos tipos de contrato. A continuación tivo lugar a conferencia Panorámica actual dos Programas Europeos a favor do Emprego, impartida por José María Quevedo Santacoloma, director de DEX Europa, na que analizou a situación e as perspectivas dos programas comunitarios de emprego.

Para a xornada da tarde, baixo a denominación de Xornadas estratéxicas para a dinamización do mercado laboral, estaban previstas outras cinco conferencias e un obradoiro. As xornadas continuarán o venres 8 con outras dúas conferencias, dous seminarios, un obradoiro e unha presentación sobre a evolución do emprego xerado polas empresas do Polígono do Tambre.

Compartir: