VIVENDA

Os membros do proxecto SUITE reúnense en Santiago para preparar as súas conclusións

06/10/2010 O encontro, que terá lugar durante os días 7 e 8 de outubro na sala de debates do Centro de Estudos Avanzados do Parque de Vista Alegre, ten como obxectivo avaliar o traballo desenvolvido ata o momento e preparar as conclusións finais do estudio desenvolvido ata agora, co obxectivo de coñecer as necesidades das novas familias.

Nesta época onde a vivenda é un factor clave para a superación da crise económica e financeira mundial, os resultados do proxecto SUITE, enmarcado dentro do Programa Europeo URBACT II, permitirán ás cidades socias optimizar de cara ao futuro unha oferta sostible e asequible de vivenda e asegurar a cohesión social a través das políticas de inclusión coñecidas como "mix social".

Na reunión, que estará presidida pola concelleira de urbanismo, Mercedes Rosón, participarán as cidades socias do proxecto: as francesas de Nantes e Rennes, a alemá de Hamburgo, as británicas Medway e Newcastle, a polaca Cracovia, a capital de Estonia, Tallinn e a rumana Iasi. Tamén estarán presentes as expertas Heidrun Feigelfeld e Darinka Czischke, que acompañan e asesoran ao proxecto; e os membros do Grupo de Apoio Local de Santiago, integrado por profesionais de distintos sectores da cidade. Polo Departamento de Urbanismo do Concello de Santiago, ademais da concelleira, participarán a xerente da área, Berta Rosón; e o arquitecto municipal Carlos Blanco. Do Departamento de Benestar Social do Concello participará a xefa da área Teresa Furelos. En representación de EMUVISSA asistirán a xerente, María Carneiro; e o arquitecto, Diego Briega. Tamén tomarán parte o promotor José Otero Pombo, o decano da delegación do Colexio de Arquitectos de Galicia en Santiago, Jorge Duarte, o arquitecto César Coll, e a coordinadora do grupo, a experta norueguesa Anita Leirvik.

O encontro comezará cunha xornada de síntese, na que se avaliará o camiño percorrido ata agora e as conclusións principais dos tres grupos de traballo que foron desenvolvendo as súas tarefas en tres campos de gran importancia para a vivenda social nas cidades: o económico e de xestión; o ambiental e de eficiencia enerxética; e o social. Tamén se presentarán os avances nos plans de acción local de todos os socios, que se presentarán na xornada final do proxecto. Esta xornada terá a súa continuidade nas xornadas de conclusións do proxecto que se celebrarán o 16 de marzo en Bruxelas e nas que xa se está traballando desde o Departamento de Urbanismo do Concello de Santiago, coa colaboración de Cecodhas e de todas as cidades que forman parte do proxecto.

Compartir: