EMPREGO

As 73 empresas inscritas na Feira do Emprego ofertarán 345 postos de traballo

06/10/2010 O concelleiro de Promoción Económica, Emprego, Comercio e Turismo, Xosé Manuel Iglesias presentou, acompañado de representantes das entidades asinantes do Pacto Local polo Emprego, o programa da I Feria do Emprego de Santiago de Compostela, que se celebrará o xoves 7 e o venres 8 de outubro no edificio Cersia, situado en San Lázaro.

A feira está dirixida as persoas desempregadas, ás que buscan mellorar as súas expectativas laborais, e as empresas que precisen incorporar persoal. É un medio de vinculación directo, áxil e gratuíto, que lles permite (tanto as persoas demandantes de emprego como ás empresas) relacionarse e interactuar nun mesmo espazo físico.
Ademais, é unha oportunidade para coñecer a realidade do mercado laboral, para informarse sobre as oportunidades de traballo que existen no entorno de Compostela e para formarse en distintos aspectos relacionados coa automotivación e a busca de emprego. Con este obxectivo, programáronse 12 conferencias, dous obradoiros, dous seminarios e unha presentación sobre evolución do emprego no tecido empresarial compostelá, a través das xornadas Estratexias para a dinamización do mercado local de emprego.

As persoas que non se puideran apuntar poden participar igual nas actividades nas que queden prazas libres. Neste momento hai inscritas cerca de 497 persoas nas distintas conferencias e obradoiros organizados.

947 persoas inscritas
Na área de demandantes de emprego da Feira do Emprego inscribíronse 947 persoas. En función das candidaturas recibidas, o Servizo Local de Emprego concertou distintas entrevistas con algunha das empresas que participan no evento. Aquelas persoas que non se puideron apuntar poden, durante a feira, presentar os seus currículums nos stands das empresas e/ou entidades nas que estean interesadas en traballar.

Na feira hai inscritas 73 empresas que ofertan un total de 345 postos de traballo. Ademais de atopar candidatos/as axeitados/as aos perfís cos que traballan, disporán dun stand dende o que poderán informar ás persoas e entidades participantes sobre as súas actividades, programas de emprego, prácticas, etc.; promocionar de balde a empresa tanto na xornadas como nas publicacións relacionadas co evento; dispor dun servizo de intermediación laboral gratuíto que realizará a preselección de candidaturas atendendo aos perfís e competencias profesionais requiridos; e dispor dun espazo acondicionado para realizar as entrevistas de selección.

A I Feira do Emprego de Santiago de Compostela está enmarcada no Pacto Local polo Emprego de Santiago de Compostela. Organizada pola Concellaría de Promoción Económica e Emprego, e cofinanciada polo Fondo Social Europeo; conta coa colaboración das entidades que o integran: Asociación Área Empresarial do Tambre, Asociación de Empresarios de Hostalería, os sindicatos CCOO e UXT, a USC, a Cámara de Comercio de Santiago de Compostela, e a Asociación Plataforma polo Emprego.

Documentos relacionados



Compartir: