EDUCACIÓN

O Concello renova a súa colaboración co programa de educación para adultos da Fundación Radio ECCA

06/10/2010 A concelleira de Educación, Mercedes Rosón, presentou a programación do Centro de Educación para Adultos Radio ECCA, acompañada pola directora xeral de Radio ECCA Galicia, Carmen Dios. Esta iniciativa segue a ter como obxectivo principal a preparación para obter o título de Graduado en Secundaria nun ano e estudando dende a casa.

Mercedes Rosón destacou o importante labor formativo que realiza Radio ECCA, que en Santiago ten o seu centro de orientación no colexio Apóstolo Santiago (rúa Betanzos, 55). As clases para a preparación da proba libre do Graduado en Educación Secundaria lévanse a cabo os martes e xoves en horario de 19:30 a 21:30 horas. A presentación do grupo de Santiago realizarase o luns 11 de outubro, ás 19:00 horas, neste centro.

A directora xeral de Radio ECCA Galicia explicou que a metodoloxía de traballo baséase en material didáctico impreso, en clases gravadas e nas clases presenciais, normalmente dous días á semana. O obxectivo destas últimas, dixo, é atopar un grupo de apoio, resolver dúbidas e, sobre todo, motivar os alumnos.

No pasado curso, 628 alumnos presentáronse en Galicia á proba libre, das que 220 pertencían á provincia da Coruña. O índice de aprobados foi do 60%. En Santiago, matriculáronse 25 alumnos e alumnas.

Radio ECCA
Ademais a preparación para o Graduado en Educación Secundaria, Radio ECCA desenvolve outras actividades formativas de normalización lingüística e cursos homologados para o profesorado de novas tecnoloxías, saúde, intervención, psicosocial ou idiomas, entre outros. En particular, Carmen Dios destacou un curso en marcha destinado á prevención da obesidade.

Tamén desenvolve proxectos sociolaborais dirixidos a colectivos específicos e realiza actividades de alfabetización de adultos e español para inmigrantes e outras de lecer e animación sociocultural.

A Concellería de Educación, que colabora por terceiro ano con esta iniciativa, está a realizar un labor de difusión deste curso de preparación do Graduado e do resto de actividades de Radio ECCA.

Direccións relacionadas



Compartir: