XUNTA DE GOBERNO

Case 700.000 euros para programas de dinamización social e formación de colectivos en risco de exclusión

05/10/2010 A Xunta de Goberno adxudicou provisionalmente, por 690.706 euros, o Servizo de dinamización social, igualdade de oportunidades, formación e educación de colectivos en risco de exclusión do proxecto europeo Urbana Santiago Norte.

Esta adxudicación permitirá o desenvolvemento de diversos programas integrais, con actuacións en materia de igualdade de oportunidades; apoio, acollida e integración de inmigrantes; dinamización sociocultural e integración para o colectivo xitano. Esta acción do Urbana Santiago Norte abarcará os seguintes ámbitos: participación e dinamización social; promoción da autonomía persoal; inclusión social e intervención socio-educativa comunitaria para a integración de colectivos en risco de exclusión con familias, infancia e mozos/as en situación de desvantaxe social.

O obxectivo final destes programas é facilitar un desenvolvemento equilibrado e a cohesión social da poboación dos barrios da zona norte. Ademais, búscase potenciar procesos de democracia participativa que permitan aos cidadáns deseñar o entorno no que desexan vivir, que incidan no aumento do desenvolvemento cultural dos veciños da zona de actuación.

Convenios con entidades sociosanitarias
Tamén a proposta de Benestar Social, deuse conta da sinatura de convenios entre o Concello e 18 entidades do ámbito sociosanitario. Son as seguintes: Asociación Galega para a Axuda dos Enfermos con Demencia Tipo Alzheimer (AGADEA), Asociación Fonte da Virxe de Familiares e Amigos dos Enfermos Mentais, Asociación Galega de Lupus (AGAL), Asociación de Pais de Persoas con Trastornos de Espectro Autista da Provincia da Coruña (ASPANAES), Asociación Síndrome de Down Compostela, Asociación Centro Cultural-Social Xoán XXIII, Asociación Internacional do Teléfono da Esperanza (ASITES), Asociación de Pais de Persoas con Discapacidade Intelectual (ASPAS), Asociación Galega de Espiña Bífida e Lesionados Medulares (AGEBI), Asociación Compostelá de Esclerose Múltiple (ACEM), Fundación Secretariado Xitano, Cociña Económica de Santiago de Compostela, Asociación Voluntarias de la Caridad de San Vicente de Paul, Asociación Española contra o Cancro (Xunta Provincial da Coruña), Asociación de Dano Cerebral de Compostela (Sarela), Asociación de Loita contra Enfermidades do Ril (ALCER Coruña), Asociación Galega para a Asistencia e Investigación dos Trastornos da Personalidade (TP-Galicia) e Asociación de Bulimia e Anorexia de Galicia (ABAGAL).

Medio Ambiente
En materia de Medio Ambiente, tamén no ámbito do Urbana Santiago Norte, adxudicouse provisionalmente a segunda fase do proxecto de restauración do Monte de Deus, por un importe de 101.997 euros.

Igualmente de xeito provisional, determináronse as empresa que realizarán a remodelación da área de xogos de Belvís, por 99.932euros, e o subministro e instalación de equipamento para a creación dun circuíto biosaudable en Fontiñas, por 60.551 euros.

Deportes
A proposta do concelleiro de Deportes, aprobáronse os criterios xerais para establecer o reparto na reserva de uso dos equipamentos deportivos municipais por parte das entidades deportivas locais na temporada 2010-2011. Así, os criterios de prioridade para os polideportivos municipais serán, por esta orde: programas deportivos municipais ou vinculados coa liña deportiva de axudas do Departamento de Deportes; a materia de Educación Física dos centros que non posúan instalacións ou lle sexan insuficientes; as actividades extraescolares das ANPAS dos centros educativos que comparten o uso do pavillón; o adestramento e competición de clubs e entidades deportivas da cidade; competicións organizadas polo Deporte Escolar da Xunta e en colaboración co Concello; outras entidades vinculadas con actividades periódicas; e outras competicións ou actividades. Estes criterios afectan aos seguintes pavillóns: Lamas de Abade, Monte dos Postes, Apóstolo Santiago, Quiroga Palacios, Carmen Estévez, Vite Colexio, Pío XII, Pontepedriña, Lorenzo de la Torre, Restollal e o seu ximnasio, Vite e Santa Isabel e o seu ximnasio.

No caso dos campos de fútbol, terán prioridade os programas, campañas, competicións ou actividades deportivas municipais ou de colaboración municipal. Séguenlle en orde de prioridade os adestramentos e competicións dos clubs e entidades da cidade federados que non teñan instalacións deportivas. Os campos afectados son os de Santa Isabel, Cancelas, Grixoa e Marrozos.

Precisamente a propósito destes dous últimos recintos, de xestión indirecta municipal, a Xunta de Goberno aprobou a cesión desta xestión á Sociedade Deportiva Grixoa e á Asociación de Veciños "Francisco García Beiró" de Marrozos, respectivamente.

Tamén en Deportes, coa colaboración de Educación, aprobouse a realización dunha nova edición do programa "Á auga patos", ao que se destina un orzamento de 1.500 euros. O Concello promoverá o programa nos centros de ensino, correrá cos gastos de publicidade e aboará, se procede, o custo das bolsas dos alumnos e colectivos que se determine. A empresa Xade executará o programa correndo cos gastos correspondentes aos recursos materiais e humanos. Percibirá 40 euros por cada alumno.

Infraestruturas
Outro acordo da Xunta de Goberno foi o visto bo ao modificado do proxecto de substitución de materiais e tecnoloxías nas redes de auga e alumeado público, creación de infraestruturas para a recollida selectiva de lixo mediante colectores soterrados, e mellora de seguridade viaria e mobilidade na rúa López Ferreiro. O importe final é de 273.664 euros, o que supón un incremento de 39.829 euros.

O engadido pretende atender circunstancias que non puideron terse en conta no momento de redacción do proxecto. Así, faise preciso reforzar os muros prefabricados soterrados de contención do sistema de colectores soterrados de recollida do lixo, e substituír, mellorar e ampliar as redes de condución eléctrica tamén afectadas polas nacentes de auga aparecidas na execución da obra.

Documentos relacionados



Compartir: