EMPREGO

A Feira do Emprego inclúe un seminario sobre a busca de traballo en internet

04/10/2010 As actividades programadas na I Feira do Emprego de Santiago de Compostela, organizada pola Concellaría de Promoción Económica, Emprego, Comercio e Turismo, inclúen un seminario sobre información para a busca efectiva de emprego a través de internet. A Feira celébrase o 7 e o 8 de outubro.

O seminario Emprego 2.0: fai que o traballo te atope en internet será impartido por Alfonso Alcántara, coach e consultor en emprego, desenvolvemento profesional, redes sociais e produtividade. Neste seminario, que se desenvolverá o venres 8 de outubro, de 12:00 a 14:00 horas, informarase e motivarase ás persoas participantes para a busca de emprego e a planificación profesional con apoio nas redes sociais e a web 2.0.

A I Feira do Emprego de Santiago de Compostela ten como finalidade servir de punto de encontro entre as empresas ofertantes de emprego e as persoas demandantes de postos de traballo. Está dirixida a persoas desempregadas ou que procuren unha mellora do emprego, e a empresas que precisen incorporar persoal. O prazo de inscrición para demandantes de emprego pechouse o 20 de setembro, con 947 persoas inscritas. Neste momento continúa aberto o prazo de inscrición para as empresas que precisen incorporar persoal e para as persoas que desexen participar nas conferencias, obradoiros e actividades programadas desde a área de emprego da concellaría.

A I Feira do Emprego está enmarcada no Pacto Local polo Emprego de Santiago de Compostela. Está cofinanciada polo Fondo Social Europeo, e conta coa colaboración das distintas entidades que integran o pacto: Asociación Área Empresarial do Tambre, Asociación de Empresarios de Hostelería, os sindicatos CCOO e UXT, a USC, a Cámara de Comercio de Santiago de Compostela e a Asociación Plataforma polo Emprego.

Compartir: