CULTURA

Teatro, danza e música clásica na programación cultural de outubro

04/10/2010 A concelleira de Cultura e Centros Socioculturais, Socorro García Conde, e o director-xerente do Auditorio de Galicia, Paulo Rodríguez, presentaron a programación cultural para este outubro, onde destaca Teatro de La Abadía, que chega a Santiago cun texto de Samuel Beckett; Projects in movement, do coreógrafo israelí Sharon Fridman; ou as orquestras sinfónicas de Navarra e de Porto Casa da Música.

García Conde congratulouse, ademais, dos éxitos absolutos obtidos en varios dos últimos espectáculos programados pola súa Concellaría, como o concerto inaugural da Real Filharmonía de Galicia -houbo que abrir ao público un ensaio xeral pola gran demanda de entradas-, a obra Por el placer de volver a verla ou o espectáculo da Compañía Nacional de Danza dirixida por Hervé Palito.

No que a artes escénicas se refire, este é o mes do Festival Internacional de Títeres Galicreques (do 4 ao 10 de outubro), con 20 compañías chegadas desde todo o mundo, e tamén da Feira Galega das Artes Escénicas, que terá lugar do 18 ao 21. Asemade, estrearase a última obra de Talía Teatro, Volpone, con texto de Ben Johnson adaptado por Roberto Salgueiro. E, segundo Paulo Rodríguez, haberá unha "oportunidade única para ver un texto emblemático", de Samuel Beckett, co espectáculo do Teatro La Abadía Fin de partida, dirixida por Krystian Lupa. Outra data que calquera amante da danza ten que apuntar na súa axenda é o día 14, no Teatro Principal, cando Projects in Movement, do coreógrafo israelí Sharon Fridman, nos ofreza Shakuff e Carlos & Me.

En canto a música, a Real Filharmonía ofrece dous concertos, dirixidos por Ros Marbà e Paul Daniel; e tamén dúas orquestras convidadas: a Sinfónica de Navarra, con Tianwa Yang ao violín; e a Sinfónica do Porto Casa da Música. E coa chegada do outono a Banda Municipal de Música volve ao Principal todos os domingos ás 12:30 horas, ademais de participar en concertos didácticos para nenos.

Ademais, dende o 1 de outubro pode verse en varios espazos de Compostela A Cidade Interpretada, con nove artistas internacionais que realizan diversas intervencións artísticas de carácter temporal. Continúa tamén a programación que se estende por todo o ano de Curtocircuíto, que neste mes aborda o cine europeo.

Documentos relacionados



Compartir: