BENESTAR SOCIAL E IGUALDADE

Charlas e talleres para abordar a relación da muller co sistema sanitario

04/10/2010 A concelleira de Benestar Social e Igualdade, Mar Martín, presentou o programa "Muller e Saúde", un conxunto de charlas e cursos que xirarán en torno á relación da muller co sistema sanitario. Formar axentes de saúde é un dos obxectivos desta iniciativa, que busca tamén exteriorizar as dificultades que enfermas crónicas e coidadoras teñen no día a día.

O xoves 7, ás 19:00 horas, na nova Casa das Asociacións de Benestar Social, en Salgueiriños, terá lugar a primeira das charlas, conducida pola propia concelleira. Nela presentarase o programa ás asociacións sociosanitarias e ao público en xeral. Será tamén unha oportunidade para "detectar as necesidades e demandas" nesta materia, indicou Mar Martín.

"Por un lado, darase información, para desenvolver destrezas no eido da promoción e, por outro, a través dos talleres, fomentaranse habilidades para promover a saúde", apuntou a concelleira. En particular, referiuse aos talleres sobre saúde a través da arte, dirixidos a grupos dunhas 20 mulleres. As charlas serán abertas a todo o público.

A concelleira incidiu en que este programa está dirixido especialmente ás mulleres por ser estas as primeiras usuarias do sistema sanitario e as primeiras intermediarias entre este sistema e a familia. Neste sentido, destacou o seu papel como acompañantes ou na nutrición dos fillos, entre outras funcións.

Todas estas actividades desenvolveranse na recentemente aberta Casa das Asociacións de Benestar Social. Alí xa veñen realizándose diversos cursos de formación dende hai semanas e, nos últimos días, xa se trasladou o persoal destinado a esta área da Concellería de Benestar Social e Igualdade. As diversas asociacións sociosanitarias están xa ocupando progresivamente o seu espazo no complexo e, unha vez instaladas todas, celebrarase unha festa de benvida, segundo anunciou Mar Martín.

Compartir: