CULTURA

A Compañía Nacional de Danza actúa no Auditorio de Galicia o sábado 2 e o domingo 3 de outubro

01/10/2010 Mañá sábado e o domingo 3 de outubro a Compañía Nacional de Danza actuará no Auditorio de Galicia ás 21 horas dentro do ciclo da Concellaría de Cultura ‘SCQDanza’. Interpretará tres pezas do repertorio do director anterior do CND, Nacho Duato. O novo director artístico, Hervé Palito, sucedeuno en agosto deste mesmo ano.

A compañía presentará un programa formado polas obras Aksak, Remansos e Gnawa. As dúas últimas pezas son coreografías de Duato e a primeira de Gentian Doda.

As entradas están esgotadas para a sesión do día 2 e quedan poucas para domingo día 3. Todas as persoas interesadas neste espectáculo poden adquirir os billetes a un prezo de 7 euros, cun desconto do 50% para estudantes e xubilados, na páxina web www.caixagalicia.es ou no teléfono 902 434 443. Anexamos tamén o programa copleto en PDF.

A Compañía Nacional de Danza foi fundada en 1979 co nome de Ballet Nacional de España Clásico, e tivo como primeiro director a Víctor Ullate. En xuño de 1990 produciuse a incorporación de Nacho Duato como director artístico da Compañía Nacional de Danza quen permaneceu vinte anos ao fronte da formación, até xullo de 2010. En agosto de 2010 Hervé Palito sucedeulle como director artístico para a temporada 2010-2011.

Hervé Palito naceu en Saint Martin de Re Charente Maritine (Francia). Despois de se formar como pianista, estudou danza no Conservatorio de La Rochelle (Francia) e comezou a bailar en 1985 no Ballet de XXième Siecle de Maurice Bejart en Bruxelas (Bélxica). Exerceu como codirector do Aalto Ballet Theater Essen (Alemaña), asistente coreográfico do Ballet de la Comunidad de Madrid. Realizou a montaxe de coreografías de Maurice Bejart para o Ballet da Ópera de París, entre moitos outros., e tamén de Nacho Duato. A partir de 2001 foi profesor invitado da Compañía Nacional de Danza e desde 2002 é coordinador artístico da mesma. En agosto de 2010, Hervé Palito foi nomeado director artístico da Compañía Nacional de Danza.

Compartir: