PLENO

O Plan parcial da Pulleira e o especial do Campus Universitario reciben a aprobación definitiva do pleno

01/10/2010 Na mesma sesión deuse luz verde incialmente á modificación puntual do Plan xeral relativa ao incremento da densidade dos solos urbanizables non delimitados tipo A, e aprobouse definitivamente a modificación da Ordenanza reguladora da emisión de ruídos, vibracións e condicións dos locais ao tempo que se resolveron as alegacións á mesma.

O alcalde compostelán, Xosé A. Sánchez Bugallo, cualificou esta xornada de "magnífico día no que se aproban medidas importantes", xa que o Plan especial do Campus vai permitir que a USC inicie antes de fin de ano a construción de dous novos edificios, mentres que o plan parcial da Pulleira suporá a construción de 2.200 novas vivendas de protección oficial na cidade. O polígono da Pulleira, de 29 hectáreas, convertirase no gran ensanche norte da cidade, onde máis de 4.000 persoas poderán vivier con "estándares de calidade dignos", tal e como salientou a concelleira de Urbanismo, Mercedes Rosón.

Plan especial de ordenación do Campus Universitario (PE-8)
O documento de Revisión e adaptación ao Plan xeral do Campus Universitario, que define a ordenación pormenorizada do ámbito, establece determinacións como o incremento do mesmo, a mellora do viario interno e das conexións exteriores así como da relación do Campus coa área hospitalaria de Choupana. A súa aprobación polo pleno supón un paso imprescindible para poder outorgar á Universidade de Santiago ás licenzas necesarias para que esta proceda á construción dos edificios que ten pendentes nesa área da cidade.

Segundo indica a memoria xustificativa do proxecto, a necesidade e conveniencia da súa formulación obedece non só ao mandato do Plan xeral, senón tamén a razóns como a previsión de implantación de novas dotacións do Campus de Ciencias da Saúde; a reforma dalgunha das existentes e a mellora das condicións de urbanización interior do Campus.

O ámbito obxecto de ordenación ocupa unha superficie total de 701.710 m2, na que se autoriza unha edificabilidade total de 245.600 m2 construídos, dos que 186.665 corresponden á edificación existente. Polo tanto, a ordenación proposta supón unha ampliación de 53.130 m2 construídos.

Con destino a zonas verdes cualifícase unha superficie total de 167.675 m2 de solo, que se engaden aos 108.200 m2 reservados para a implantación do Xardín Botánico. As reservas de uso deportivo ocupan un total de 4.944 m2 (8% do ámbito), e prevese un número total de 4.944 prazas de aparcadoiro (1 por cada 50 m2 construídos).

Outros asuntos
O pleno aprobou incialmente a Modificación puntual do Plan xeral de ordenación municipal relativa ao incremento da densidade dos solos urbanizables non delimitados tipo A. O obxectivo da modifición é aumentar a densidade destes solos de baixa densidade coa finalidade de adaptar o tamaño das vivendas resultantes ante a esixencia legal de incrementar a reserva de vivenda protexida do 20% ao 40% da edificabilidade residencial que resulte do planeamento.

Así mesmo, deuse luz verde á aprobación definitiva da modificación da Ordenanza municipal de ruídos, vibracións e condicións dos locais, co obxectivo de facilitar determinadas actuacións no Casco Histórico tanto no comercio coma noutro tipo de actividades económicas.

Compartir: