ALCALDÍA

Os servizos mínimos están pactados para o correcto desenvolvemento da folga

28/09/2010 Bugallo apelou ao "estrito respecto" e ao "bo comportamento de todos, tanto dos que desexen participar da folga como dos que acudan ao seu posto de traballo".

O alcalde, Xosé A. Sánchez Bugallo, asegurou que os servizos mínimos municipais están xa pactados cos sindicatos e cos órganos representativos do persoal, incluídos os transportes e as empresas que dependen directamente do Concello, agás a Estación de autobuses, xa que a fixación dos servizos mínimos corresponde á Xunta, e de momento non a fixo.

Desta forma, "razoablemente non debera haber conflito", en opinión do alcalde. A brigada de Vías e Obras contará cun retén "que non ten un traballo concreto asignado, por se acaso surxise algún problema", mentres que a policía local reforzou os seus servizos -pola noite haberá en torno a 20 axentes de servizo e pola mañá algo máis de 40- "para garantir a protección de determinados servizos públicos", explicou. Así mesmo, destacou que a partir do xoves prepararase un programa extraordinario "para borrar pintadas e quitar carteis". No que respecta ao lixo, os servizos mínimos correspóndense cos que se realizan habitualmente un domingo polo que se prega aos cidadán que fagan un uso responsable do servizo.

Bugallo apelou ao "estrito respecto" e ao "bo comportamento de todos, tanto dos que desexen participar da folga como dos que acudan ao seu posto de traballo".

Compartir: