ALCALDÍA

Suecia amosa o seu interese por Santiago

28/09/2010 O alcalde compostelán, Xosé A. Sánchez Bugallo, recibiu no Pazo de Raxoi un grupo de xornalistas suecos que se atopan en Santiago participando nunha misión inversa de turismo organizada pola Cámara de Comercio.

A delegación de xornalistas está integrada por profesionais de medios dedicados fundamentalmente ao sector turístico e está formada por catro xornalistas. Jan Larsson é periodista freelance e colaborador habitual da revista profesional de viaxes Res Flex, dirixida ao sector turístico sueco e que se ven publicando desde 1985. Actualmente ten unha tirada mensual de 11.000 exemplares.

Anders Mathlein, tamén periodista freelance, escribe para o diario nacional Svenska Dagbladet e tamén para a revista Res. Escribiu numerosos reportaxes sobre España e en 2008 gañou o premio España de xornalismo por unha reportaxe sobre Palma de Mallorca.

RES é unha das revistas de viaxes máis importantes de Suecia. Coida moito o deseño e diríxese fundamentalmente a persoas de ingresos medio-altos, máis viaxeiros que turistas e que viven nas cidades. Ten unha periodicidade de 8 números anuais e 92.000 lectores. Naceu hai 25 anos. SVENSKA DAGBLADET é o segundo diario matutino de Estocolmo e un dos medios máis influintes e prestixiosos de Suecia. Ten unha tirada de 205.000 exemplares diarios.

Tamén se atopa na delegración Jörgen Ulvsgärd, da empresa de comunicación Sund Kommunikation/Grayling, e Ewa Bigestans, xornalista e etnóloga. Colabora con Kulturens Värld, unha revista cultural de periodicidade trimestral e unha tirada de 10.000 exemplares, e tamén publica en Svenska Dagbladet.

Compartir: