ALCALDÍA

Sánchez Bugallo compromete a remodelación da explanada da igrexa de Marrozos

26/09/2010 O alcalde, Xosé A. Sánchez Bugallo, acompañado da concelleira de Participación Cidadá, Guadalupe Rodríguez, e do concelleiro delegado de Obras, Bernardino Rama, visitou na mañá de hoxe a parroquia de Marrozos, onde foi recibido polo presidente da Asociación de Veciños, Emilio Cao, e outros membros da directiva.

Logo de percorrer diversos puntos da parroquia no que inspeccionaron o estado dalgunhas obras e calibraron a necesidade doutras, no Centro Sociocultural, mantiveron unha xuntanza con preto dun centenar de veciños e veciñas. O presidente da asociación, Emilio Cao, realizou unha introdución na que explicou o estado das peticións formuladas ao Concello desde a toma de posesión da nova directiva e os próximos proxectos de intereses para a parroquia, así como as necesidades máis inmediatas.

Na súa intervención o alcalde, Xosé A. Sánchez Bugallo, fixo memoria do falado na anterior xuntanza cos veciños, peticións que dividiu en catro actuacións, tres das cales están practicamente concluídas e a cuarta terá o seu comezo na semana que iniciamos este luns. Un dos problemas que os veciños de Marrozos tiñan exposto reiteradamente é o do saneamento. En palabras do alcalde "a rede principal de saneamento está practicamente rematada, nela investimos 12.000.000 de euros, o que representa un grande avance porque resolve máis dun terzo das conexións directas das vivendas, e facilita as dos outros dous terzos, que precisan de proxectos individuais asumibles, que empezaremos a acometer deseguido e por etapas".

A segunda cuestión foi a referida á subida da auga potable ata Marrozos. "Obra, dixo, que como sabedes está en marcha. Nela investimos máis de 400.000 euros e quedará rematada antes de final de ano". A terceira estivo referida ao arranxo da Escola Unitaria, proxecto xa concluído. Finalmente, nese bloque de promesas cumpridas, o alcalde anunciou que "as obras de arranxo das pistas da parroquia, xa están adxudicadas e contratadas por un total de 260.000 € e o seu inicio será nesta semana que entra".

Logo de explicar a visita realizada antes da xuntanza, Xosé A. Sánchez Bugallo comprometeu o arranxo e remodelación da explanada da igrexa de Santa María de Marrozos. Proxecto que será incluído no Plan de Obras e Servizos, POS, de 2011 e poderá estar executado no outono dese ano. Comprometeuse tamén ao arranxo dos desperfectos xerados na cuberta da igrexa desde a súa restauración por parte do Consorcio de Santiago. Organismo este último que deberá correr cos gastos de retellado.

Finamente, o alcalde comprometeuse a xestionar diante de ADIF a posibilidade de solucionar o problema do túnel baixo da vía do ferrocarril. "Unha actuación, dixo, que supera os catro millóns de euros de investimento. Unha cantidade que neste momento a empresa administradora da infraestruturas ferroviarias non estará en condicións de acometer, polo que deberemos buscar alternativas máis baratas e así o faremos nos próximos días na xuntanza que vou manter co presidente de ADIF".

No coloquios os veciños e veciñas interesáronse por diversos aspectos como a frecuencia das liñas de bus, a necesidade de contar con máis colectores de reciclaxe de vidro, a limpeza das pistas e cuestións estritamente persoais, ás que o Alcalde respondeu nun clima de cordialidade e agradecemento pola ampla participación.

Compartir: