ALCALDÍA

Santiago de Compostela e Santiago Atitlán inician o protocolo para irmandarse

23/09/2010 Os alcaldes de Santiago de Compostela e de Santiago Atitlán, Xosé A. Sánchez Bugallo e Manuel Reanda Pablo asinaron hoxe un protocolo de intencións de irmandamento entre ambas urbes.

As cidades comparten relevancia histórica e cultural nas súas respectivas rexións, así como afinidades e vocacións comúns que, segundo consta nesta declaración de intencións "convén preservar e desenvolver". Os alcaldes dos Santiagos asumen coa súa sinatura "o compromiso de promover todo tipo de intercambios culturais, turísticos, educativos e de cooperación que resulten de interese común" en colaboración cos "centros educativos, institucións, asociacións e entidades empresariais" e cooperando "na busca de puntos de contacto común que se traduzan en empresas de mutua cooperación".

Máis adiante o proceso de irmandamento comezado hoxe será ratificado nos plenos da corporación de ambos concellos.

Santiago Atitlán é un municipio de Guatemala, pertencente ao Departamento de Sololá. É un dos pobos que rodean as augas do lago de Atitlán, que é unha das fontes económicas do departamento, pois ademais de ser un centro turístico de moito atractivo, serve de apoio comercial. Nas marxes do lago, que está situado a 1.560 metro sobre o nivel do mar e ten 18 quilómetros de lonxitude, álzanse os volcáns de Atitlán, Tolimán e San Pedro. A economía de Santiago Atitlán está caracterizada pola venda de artesanías, así como a comercialización de produtos básicos.

Compartir: