BENESTAR SOCIAL

As persoas xordas celebran o sábado o seu Día Internacional para reivindicar os seus dereitos e facerse máis visibles ante a sociedade

23/09/2010 A concelleira de Benestar Social, Mar Martin, acompañada do presidente da Asociación Compostelá de Persoas Xordas, José Antonio Pais, e do secretario da Federación de Asociacións de Persoas Xordas de Galicia, presentou en rolda de prensa o Día Internacional deste colectivo, que tará lugar este sábado, 25 de setembro, cun obxectivo claro: sensibilizar á sociedade.

Os actos de celebración comezarán ás 9 diante do Pazo Episcopal (rúa da Acibechería), onde se dará a benvida aos participantes da xornada. De seguido, ás 10, terá lugar unha misa na Catedral. Tras unha recepción na Casa do Concello, ás 12.15 darán lectura ao pregón do Día Internacional das Persoas Xordas José Antonio País Freire, Presidente da Asociación de Persoas Xordas de Santiago, e Iker Sertucha Lista, Secretario Xeral da Federación de Asociacións de Persoas Xordas de Galicia (FAXPG).

Ao remate, falarán Luis Miguel Jiménez, Presidente da Federación de Asociaciones de Personas Sordas de Castilla e León, Cristina Sariego, Presidenta da Federación de Personas Sordas do Principado de Asturias, e Feliciano Sola, Presidente da Federación de Asociacións de Persoas Xordas de Galicia.

Pola tarde haberá unha mostra de teatro en LSE coa representación de "El sentido que me da la vida", ás 16.30 h. na Aula Sociocultural da Fundación Caixa Galicia (R/ Carreira do Conde, 18 Santiago de Compostela). A entrada será de balde.

O Día internacional das persoas xordas é a xornada de culminación da Semana internacional das persoas xordas que se celebra en todo o mundo. Esta celebración pretende servir de estímulo aos axentes políticos e sociais para que promovan os dereitos, tanto humanos como lingüísticos, das persoas xordas. A WFD celebrou o seu primeiro congreso en setembro de 1951, polo que se decidiu elexir o último domingo deste mes en conmemoración deste histórico evento. Aínda que non foi ata 1958 cando tivo lugar o primeiro Día Internacional das persoas xordas.

Compartir: