BENESTAR SOCIAL

As asociacións de migrantes visibilizan as súas culturas este domingo no II Festival Folclórico Intercultural

23/09/2010 A concelleira de Benestar Social, Mar Martín, presentou en rolda de prensa a celebración desta actividade acompañada polas organizadoras do Festival, que repite celebración tralo éxito do ano pasado.

O vindeiro domingo 26 de setembro terá lugar no Paseo Central da Alameda a actividade organizada polas asociacións de inmigrantes de Santiago de Compostela por segundo ano consecutivo. Durante todo o día a cidadanía compostelá poderá degustar pratos típicos e compartir as diferentes expresións culturais e folclóricas das comunidades migrantes afincadas na cidade, ademais de coñecer as actividades que realizan as asociacións organizadoras e convidadas.

As 17:00hs terá lugar unha Mostra Artística na que se presentarán bailes e cancións tradicionais de diferentes países, ademais de outras actividades como contacontos, hip-hop e mesmo unha clase pública de danzas africanas.

Coa realización deste Festival as entidades organizadoras pretenden visibilizar os colectivos migrantes e as súas culturas de orixe, promovendo un achegamento entre a comunidade local e os novos e novas galegas, apostando dese xeito pola convivencia e o intercambio cultural. O desexo dos colectivos participantes é consolidar o Festival como unha cita de referencia no escenario compostelán e galego.

O evento contará coa participación das entidades Gondwana, ASAGA-Africanos en Galicia, AVESANTI (Venezuela), Asociación de Bolivianos, COSIOR (Ecuador), Mi Perú, Puente Cultural Rumano-Gallego e Nañe Reta (Paraguai). Tamén estarán presentes outros colectivos sociais que prestarán o seu apoio ás asociacións de inmigrantes, como as organizacións de comercio xusto Amarante, Panxea ou Equisol -que levarán a cabo unha degustación e venda de produtos-, a Central Unitaria de Traballadores/as (CUT) e o Foro Galego de Inmigración, estas últimas cunha mesa informativa sobre as súas actividades e campañas.

Para a realización do evento as asociacións contan co auspicio da Deputación da Coruña e a colaboración do Concello de Santiago.

Compartir: