EDUCACIÓN

A Concellería de Educación involúcrase na celebración da Noite dos Investigadores

23/09/2010 A Noite dos Investigadores 2010 celebrarase o vindeiro venres 24 de setembro en Santiago de Compostela e, simultaneamente, en 150 cidades europeas máis. A Delegación Institucional do CSIC (Consejo Superior de Investigaciones Científicas) en Galicia, lidera o proxecto na nosa comunidade en colaboración co Departamento de Educación do Concello de Santiago de Compostela.

O evento consistirá nunha mostra de ciencia con diferentes obradoiros participativos. Baixo o lema: "Esperta na noite dos Investigadores. Hoxe ceamos Ciencia", os científicos empregarán os alimentos como fío conductor das súas explicacións, compartindo o seu traballo cos cidadáns, falando de ciencia, facendo experimentos, ollando polas lupas e os microscopios, con xogos, documentais, etc., todo dun xeito informal pero con rigor científico.

Esta acción de sensibilización social da ciencia ten por obxectivo, romper o estereotipo que existe na sociedade sobre os científicos, amosándoos como persoas próximas e comunicadoras, ao tempo que se lle da visibilidade ao seu traballo e a súa profesión.

A metodoloxía empregada será a de obradoiros participativos. Os coñecementos científicos serán
achegados por persoal científico técnico da Misión Biolóxica de Galicia, o Instituto Galego de Estudios Padre Sarmiento e do Instituto de Investigacións Mariñas, que amosarán o traballo de investigación que desenvolven nos campos da agricultura, a arqueoloxía e o medio mariño, respectivamente. O evento levarase a cabo no IES Rosalía de Castro entre a 17:00 e 22:00h do venres 24 de setembro, en Santiago de Compostela.

Documentos relacionados



Compartir: