ALCALDÍA

Unha delegación da cidade guatemalteca de Santiago Atitlán visita Compostela esta semana

21/09/2010 Ata o venres 24 permancerá na cidade unha delegación de Santiago Atitlán, Guatemala, encabeza polo seu alcalde, Manuel Reanda. O xoves 23, o rexedor compostelán, Xosé A. Sánchez Bugallo, e o seu homólogo asinarán un protocolo de intencións de irmandamento entre ambas urbes.

A delegación guatemalteca, acompañada polo concelleiro de Relacións Institucionais, Andrés Fariña, visitou esta mañá a Cidade da Cultura, como parte do programa que realizarán durante esta semana e que os levará a manter un encontro co Arcebispo de Santiago, Julián Barrio, mañá pola mañá. Faranlle entrega dunha misiva do obispo de Sololá, departamento ao que pertence Santiago Atitlán. No día de hoxe tamén mantiveron un encontro na universidade co vicerreitor de Cultura.

O mércores pola tarde visitarán o Centro Superior de Hostalería de Galicia e a continuación manterán no Consorcio de Santiago un encontro co xerente da entidade interadministrativa, Xosé Manuel Villanueva, e co director da Oficina Técnica, Ángel Panero, para darlles a coñecer os detalles do proxecto que presentan ao Premio Santiago de Compostela de Cooperación Urbana.

O xoves terá lugar no Pazo de Raxoi a sinatura do protocolo de intencións de irmandamento entre ambas cidades, acto que contará coa presenza dos dous alcaldes.

Santiago Atitlán é un municipio de Guatemala, pertencente ao Departamento de Sololá. É un dos pobos que rodean as augas do lago de Atitlán, que é unha das fontes económicas do departamento, pois ademais de ser un centro turístico de moito atractivo, serve de apoio comercial. Nas marxes do lago, que está situado a 1.560 metro sobre o nivel do mar e ten 18 quilómetros de lonxitude, álzanse os volcáns de Atitlán, Tolimán e San Pedro. A economía de Santiago Atitlán está caracterizada pola venda de artesanías, así como a comercialización de produtos básicos.

Compartir: