ALCALDÍA

Os presidentes dos 17 parlamentos autonómicos reúnense en Santiago para apoiar o ano Xacobeo

20/09/2010 O alcalde compostelán, Xosé A. Sánchez Bugallo, recibiu no Pazo de Raxoi os presidentes dos 17 parlamentos autonómicos de España que celebraron en Santiago unha reunión extraordinaria co obxectivo de escenificar o apoio dos lexislativos autonómicos ao Xacobeo 2010 e reivindicar a vixencia e o legado do fenómeno xacobeo e das diferentes rutas de peregrinación.

A xornada de traballo comezou cunha reunión na sede do Parlamento de Galicia na que se aprobou unha Declaración Institucional de apoio ao Ano Santo Xacobeo de 2010. Os presidentes dos 17 parlamentos autonómicos tamén analizaron os traballos realizados ata o de agora co obxectivo de crear unha plataforma informativa interparlamentaria e prepararon os contidos a abordar na vindeira asemblea da CALRE (Conferencia de asembleas lexislativas rexionais de Europa).

Rematada esta sesión de traballo, os participantes nesta xuntanza dirixíronse á Catedral de Santiago para participar na Misa do Peregrino. Durante a recepción, o rexedor agradeceu aos parlamentarios a iniciativa de reunirse en Compostela, e deulles a benvida a Santiago, "cidade de acollida e de peregrinación."

Compartir: